Como converter a mazá de sidra en oportunidade de negocio: xornada en liña gratuíta de AGACA
AGRICULTURA

A asociación de cooperativas organiza este encontro, que se celebrará o mércores día 17 en formato en liña, no marco da Rede Eusumo
09 sep 2025 . Actualizado á 10:03 h.A unión de Cooperativas AGACA organiza a «ornada sobre Oportunidade de Negocio na Produción de Mazá de Sidra, que se celebrará o mércores 17 de setembro en formato en liña, de 9:30 a 14:30 horas. A actividade enmárcase no programa da Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
A xornada está dirixida a socios e socias de cooperativas agroalimentarias, persoas vinculadas á economía social, produtores, técnicos, investigadores, estudantes e público en xeral. O seu obxectivo é informar e asesorar sobre alternativas produtivas que xeren ingresos no medio rural, incluíndo a produción de mazá de sidra como actividade principal ou complementaria a outras explotacións agrarias ou gandeiras.
O programa inclúe a presentación de obxectivos a cargo de Higinio Mougán, director-xerente de AGACA (09:30 h), e o relatorio sobre selección de variedades de mazá e a súa adaptación ao clima e ao chan (10:00 h). Ás 10:40 horas intervirán Xosé A. Meijide (CIAM) e Enrique Dapena (SERIDA) para abordar a produción, manexo, mecanización e produtos derivados da mazá galega.
Tras un breve descanso (11:30 h), Miguel López Sieiro, subdirector xeral de Coordinación da PAC, da Cadea e da Calidade Alimentaria, analizará a cadea alimentaria, contratos e custos de produción (11:45 h). A continuación, Marcos Vázquez Marey (Casa de Vázquez ? MUVICLA) tratará sobre sustentabilidade e prácticas ecolóxicas no cultivo de mazá (12:30 h).
A sesión continuará con experiencias de produción e comercialización de mazá de sidra en Galicia, presentadas por Jesús Rodríguez Raposo (produtor de Alfoz) e José Antonio López Pampín (produtor da Estrada) a partir das 13:00 horas. Clausúraa, con conclusións e comentarios finais, correrá a cargo de Higinio Mougán ás 14:15 horas.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse previamente na web www.agaca.coop para recibir a ligazón de conexión á videoconferencia.