O 60% do viñedo en Galicia está en parcelas de menos de media hectárea

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso DATA / AXENCIA

AGRICULTURA

MARTINA MISER

Agricultura concede 13 novas hectáreas de autorizacións de plantación

19 may 2025 . Actualizado á 08:50 h.

Está claro que o viñedo, en Galicia, é cousa de moitos. De miles de pequenos viticultores que, segundo o último informe do potencial vitivinícola publicado polo Ministerio de Agricultura, posúen ata o 60% da superficie que se dedica a este cultivo. Porque as plantacións de menos de media hectárea (5.000 metros cadrados) son maioría na comunidade. Curiosamente, as seguintes que máis superficie acaparan son as maiores de dez hectáreas. Estas xa supoñen preto do 16% do total. Dese mesmo documento destaca outra conclusión: Galicia é unha das poucas comunidades nas que se seguen realizando novas plantacións de viñedo.

Quizais este non sexa o mellor momento para o sector do viño, debido ás dificultades que están a atravesar algunhas denominacións de orixe, sobre todo de tinto, para colocar as súas producións nos mercados. Pero o certo é que en Galicia, a extensión que ocupa o viñedo non deixa de crecer. Segundo os datos do ministerio, ao 31 de xullo do pasado ano había 33.604 hectáreas de vide plantadas na comunidade. Isto supón un crecemento do 1,6% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior. É, desta forma, unha das poucas comunidades autónomas españolas nas que a superficie segue aumentado.

A maiores, para este exercicio, os viticultores galegos solicitaron ao ministerio autorizacións de viñedo cunha extensión de 22 hectáreas, das que só 16 eran admisibles. Finalmente, Agricultura concedeu 13 hectáreas para novas plantacións, a metade das cales se instalarán en Rías Baixas. Alí concedéronse sete hectáreas de viñedo, fronte ás tres que se outorgaron a Monterrei. Haberá outras dúas hectáreas máis en Valdeorras, mentres que no Ribeiro e Ribeira Sacra estas autorizacións permitirán plantar media hectárea de terreo en cada unha destas denominacións de orixe. A maiores, a comunidade conta con 509 autorizacións para a replantación de viñedo.

Porque, tal e como reflicte o informe do ministerio, Galicia segue sendo unha terra de minifundio. De feito, a pesar de non ser unha das rexións de España con maior superficie de viñedo, é con moita diferenza a que ten un maior número de pequenas parcelas dedicadas a este cultivo. Hai un total de 211.268 leiras de vide na comunidade, cunha superficie inferior a media hectárea. Ocupan, en total, 20.292 hectáreas de terreo, é dicir, o 60% da superficie dedicada a este cultivo na comunidade. Para facerse unha idea da dimensión do minifundio galego abonde con dicir que a seguinte que máis parcelas de viñedo pequenas ten é Castela e León, con ao redor de 60.000. Pero esta comunidade ten tamén unha superficie de vide que duplica con fartura á galega. En xeral, en Galicia sitúanse máis da metade das pequenas parcelas de viñedo que hai en España.

Tamén é certo que, coa profesionalización do sector, en Galicia foron gañando cada vez máis peso as grandes plantacións. Actualmente hai 122 con máis de dez hectáreas, que ocupan unha extensión de 5.354 hectáreas e que supoñen preto do 16% da superficie total de viñedo. Outro 9,5% está ocupado por parcelas de entre media e unha hectárea (4.828 leiras); un 4,3% máis ten entre unha e dúas hectáreas (1.445 parcelas) e outro 8% están entre as dúas e as dez hectáreas de extensión.

O sector galego volve absorber o 28% da vide que se arrinca noutras comunidades

Hai xa anos que España está a perder potencial vitivinícola, pero isto non sucede por igual en todas as rexións. De feito, segundo o informe do Ministerio de Agricultura, o noso país ten actualmente 14.000 hectáreas menos que durante o mesmo período do pasado ano e iso a pesar de que, este ano, concedéronse autorizacións de plantación para 928 novas hectáreas. Galicia é unha das rexións onde o cultivo do viñedo se está incrementado desde hai anos, ao contrario do que sucede, por exemplo, en Castela- A Mancha. E proba diso é que, parte da vide que se arrinca noutras comunidades, plántase en Galicia. Concretamente, un 28%.

Para poder plantar un viñedo en España é preciso contar cunha autorización, sexa esta concedida polo ministerio ou lograda despois de que outro viticultor arrincase unha das súas parcelas. E así sucede que, nos últimos anos, está a darse o fenómeno de que moito do viñedo que se arrincan nalgunhas comunidades se replanta noutras. Segundo os datos do ministerio, Castela A Mancha, Murcia e Navarra son as principais comunidades autónomas das que salguen os dereitos de replantación cara a outras rexións do país. E Castela e León e Galicia son as principais destinatarias desas autorizacións. Mediante ese sistema, o sector vitícola galego recibiu o 28% das autorizacións de plantación de viñedo que saíron doutras comunidades. Un método que permitiu incorporar á comunidade un total de 440 hectáreas.