Abren inscricións para unha nova formación sobre deseño de parcelas con criterios de agricultura rexenerativa

Somos Agro REDACCIÓN

AGRICULTURA

ANGEL MANSO

Será impartido por Robert Madeo Salvá, membro de The Regen Academy

15 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Fundación Juana de Vega mantén aberto o prazo de inscrición para a xornada técnica «Deseño dunha parcela agrícola e gandeira seguindo os criterios da agricultura rexenerativa», unha formación online e gratuíta de 7 horas de duración. A actividade realizarase en dúas sesións de mañá, de 9:30 a 13:00 horas, o venres 25 e o mércores 30 de abril. O número de prazas está limitado a 15 participantes.

O curso será impartido por Robert Madeo Salvá, membro de The Regen Academy, unha entidade internacional especializada na formación e asesoramento en agricultura rexenerativa. A proposta forma parte do programa conxunto de «Xornadas e seminarios técnicos para o impulso da agricultura rexenerativa e sostible», desenvolvido pola Fundación Juana de Vega e a empresa Agroassesor (Girona), con actividades en Galicia e Cataluña.

O programa conta cun financiamento de 104.823,6 euros por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, a través das novas axudas para «Intercambio de conocimientos y actividades de formación e información de ámbito supraautonómico, destinadas al sector agroalimentario y forestal». A proposta presentada pola Fundación Juana de Vega recibiu a terceira mellor puntuación na súa área temática dentro da convocatoria.

Desde marzo de 2024 e ata xuño de 2026, desenvolveranse un total de doce actividades formativas dirixidas a técnicos, asesores e produtores agrarios, co obxectivo de promover un cambio cara a sistemas de produción máis respectuosos co medio e economicamente viables.

Esta será a terceira actividade organizada pola Fundación dentro desta liña de acción. En febreiro de 2024 celebráronse na Coruña as I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, e en outubro de 2024 organizouse un curso de tres días co experto colombiano en agricultura orgánica Jairo Restrepo.