Patrocinado porPatrocinado por

O aluvión de solicitudes deixa a 500 granxas galegas sen as axudas dos plans de mellora

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Cedida

Unións Agrarias denuncia que moitos destes profesionais recibirán o diñeiro para incorporarse á actividade agraria, pero non para desenvolver os investimentos nas súas explotacións

31 ene 2025 . Actualizado á 20:27 h.

Facía tempo que as organizacións agrarias viñan advertindo de que a partida prevista para atender as solicitudes dos plans de mellora non ía ser suficiente. Non porque se recortou  o presuposto, que se incrementou, senón porque agardaba un aluvión de peticións. E así foi. A Consellería do Medio Rural deu a coñecer esta semana a lista de beneficiados polas coñecidas como axudas de incorporación e plans de mellora. Das primeiras concedéronse todas as que cumprían os requisitos. Das segundo calcúlase que ao redor de 500 quedaron fóra

Segundo explicou a propia conselleira de Medio Rural, María José Gómez, estas axudas constitúen unhas das liñas máis importantes do seu departamento. Nesta ocasión, propiciarán a mellora de 370 explotacións agrarias, que foron as que obtiveron as axudas, e apoiarán a incorporación de 320 mozos, menores de 40 anos, e de 133 novos agricultores, que son os que teñen entre 41 e 55 anos de idade. En total, 800 expedientes que foron aprobados. O problema é que houbo outros moitos que quedaron polo camiño. «Nunca paosu que un número tan grande de xente se quedara fóra», recoñece Óscar Pose, portavoz de Unións Agrarias

Todos os que presentaron solicitudes para incorporarse ao campo, fosen mozos ou novos agricultores, recibiron o visto e prace da consellería, a condición de que cumprisen os requisitos das bases da convocatoria. Pero non sucedeu o mesmo coas subvencións dos chamados plans de mellora. «O peor é que concederon todas as axudas de incorporación e agora esa xente ten que incorporarse pero non poderá facer ampliacións ou mellorar as súas explotacións», explica Pose. Porque a realidade é que «as axudas de incorporación, que obrigan a estar dado de alta durante os cinco próximos anos, pouco máis dan para pagar cuotas á Seguridade Social», engade.

Pose sostén que son os plans de mellora as subvencións máis importantes que reciben agricultores e gandeiros. «Son os que financian os proxectos empresariais, as melloras que vas facer para que esa explotación, que agora incorpora unha persoa máis, siga sendo rendible». Subvencionan cambios de maquinaria, obras «ou melloras que tes que facer para que, por exemplo, unha explotación dun matrimonio que agora incorpora un fillo, siga sendo rendible para esas tres persoas», conta. 

Na convocatoria deste ano, este tipo de axudas repartíronse en tres categorías. Había unha para as pequenas explotacións, «na que hai poucas solicitudes porque, a maioría, son explotacións nas que os seus titulares so están agardando a xubilarse». A segunda era a dos plans de mellora, que subvenciones investimentos en obras e maquinaria. Segundo os datos publicados no Diario Oficial de Galicia, aquí aprobáronse 180 expedientes, pero quedaron fosen outros 439. Unha situación similar deuse na terceira categoría, de mitigación do cambio climático. Estas axudas serven para facer fronte a obras como a ampliación das fosas de xurro e, nesta ocasión, aprobáronse  181 expedientes, deixaron fose outros 235.

En total, son 678 expedientes denegados que, en realidade, non se corresponden co número de explotacións afectadas. «Moitos expedientes están duplicados, porque hai xente que pide os plans de mellora e os de mitigación. Calculamos que hai unhas 500 granxas afectadas», engade. Explotacións que, por exemplo, tiñan pensado acometer traballos como cubrir a fosa de xurro ou ampliala porque así llo reclaman as industrias lácteas para que sexan máis sostibles e pagarlles mellor o leite. «Agora non van poder facer esas obras», conclúe

Os motivos que levaron a un incremento das solicitudes

Para Pose, o problema que se xerou na convocatoria dese ano estivo nas bases que deseñou Medio Rural, «estas axudas convócanse durante tres anos e agora se dixo que se se pedían nesta convocatoria non se ían poder pedir nas dúas seguintes». Iso levou a que as explotacións de leite, que son as que máis invisten, fosen a máximos e presentasen xa de forma completa os seus investimentos para os cinco anos seguintes. A maiores, a consellería tamén incrementou os máximos subvencionables, «co que, con máis presuposto, recibirán axuda menos explotacións», engadiu.

Precisamente a conselleira de Medio Rural visitou onte a gandería Barreal Augalevada SC, en Láncara (Lugo). Unha explotación á que se lle concedeu unha axuda de 340.000 euros polo plan de mellora e incorporación de mozos nesta  última convocatoria. Segundo Gómez é o vacún de leite e o de carne o que protagoniza a maioría dos expedientes aprobados, seguidos dos doutras orientacións gandeiras e, en menor medida, de producións vexetais. Por provincias, Lugo é a que máis se beneficia deste programa.

A conselleira tamén destacou que o presuposto deste ano foi de 45,9 millóns de euros, aínda que foi insuficiente para atender toda a demanda. «Obligaron á xente a ir ao máximo das axudas permitidas e nós xa avisamos de que ía pasar algo pareceido», asegura Pose. Tamén lembra que estas liñas non só benefician aos gandeiros, senón a todo o medio rural en xeral. «Subvencionan o 30 % da inversión, pero o gandeiro ten que pagar o 100 % antes de percibir as axudas. E iso  recae en toda a indsutra do medio rural, en empresa de construción, de maquinaria e de servizos. É unha axuda que non vai só para as explotacións», concluíu.