Patrocinado por Patrocinadopor

Zume novo no campo galego: «Quedarán os gandeiros que vexan o seu traballo como unha empresa»

AGRICULTURA

Alejandro Vázquez cre que o traballo no campo xa non é tan duro coma antano.
Alejandro Vázquez cre que ou traballo non campo xa non é tan duro coma antano. LAURA LEIRAS

En trece anos rexistráronse case 5.000 incorporacións á actividade agrícola e gandeira, cun 40 % de altas en Lugo

27 ene 2024 . Actualizado ás 22:31 h.

No campo galego hai caras novas, e neses rostros hai un selo claramente lucense. A provincia ten algo mais de 42 % de altas de mozas á agricultura e á gandería no período 2009-2022, coa excepción de que non se dispón de datos do 2021 porque nese ano non as convocou a Consellería do Medio Rural. Se nese tempo se rexistraron 4.454 novas incorporacións,, 1.871 tramitáronse na provincia de Lugo. Nese perfil encaixa un gandeiro como Alejandro Vázquez, que é de Guntín, incorporouse á explotación familiar e está a acabar Enxeñería Agrícola no campus de Lugo (USC): «Quedarán os gandeiros que vexan o seu traballo como unha empresa», di.

A diferenza coas outras provincias é notable. A Coruña pasa os mil expedientes (1.256), mentres que Ourense e Pontevedra apenas superan a terceira parte de incorporacións efectuadas en Lugo (694 e 633, respectivamente). Segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, obsérvase unha ampla oscilación duns anos a outros. Por exemplo, en toda Galicia houbo 321 incorporacións no 2009, e case as mesmas no 2010 (310); no 2012 aumentaron (436) ata pasar en máis dun 50 % as do primeiro ano e no 2013 baixaron de modo brusco (275). Máis forte resultou o contraste entre o 2015 e o 2016: no primeiro ano chegouse ao nivel máis baixo de expedientes ata agora (146), pero no seguinte chegouse ao máis alto (620).

Esas oscilacións rexistráronse tamén en Lugo. Os dous primeiros anos caracterizáronse por un número de altas case idéntico (139 no 2009 e 140 no 2010), e logo producíronse vaivéns compasados cos do resto de Galicia. O 2015 foi o ano de menos expedientes (68), mentres que a cifra case se multiplicou por catro no 2016 (268). A Coruña foi as segunda provincia con máis incorporacións en todos estes anos, a unha distancia de Lugo que foi cambiando, mentres que Ourense e Pontevedra foron alternando nos postos terceiro e cuarto.

Neste tempo, da Xunta saíron 132,6 millóns de euros, distribuídos de xeito desigual duns anos a outros: no 2019 repartíronse 7,2 millóns de euros; no 2012, 9,6; no 2015, 3,2, e no 2016, 24,3. A convocatoria do 2023 está pendente de resolver, pero foi unha das máis voluminosas en expedientes e en fondos asignados (16 millóns).

Os destinatarios das axudas non poden superar os 41 anos e deben permanecer polo menos cinco anos na actividade agrícola ou gandeira, tanto se a puxeron en marcha coma se incorporáronse a unha xa existente. A concesión das axudas require a presentación dun plan empresarial que acredite a viabilidade do proxecto e das condicións de competitividade das explotacións. Pola execución do plan empresarial concederase unha axuda cunha contía básica de 30.000 euros, que poderá elevarse segundo o volume de gasto necesario para a posta en marcha da explotación, pero sen pasar os 70.000 euros.

Gando vacún

O gando vacún, tanto de leite como de carne, é a actividade principal dos demandantes de axudas, coas que se pretende , segundo explica a citada consellería, rexuvenecer a poboación agraria, fomentar o emprego e fixar poboación en zonas rurais.

«Non vale ter unhas vacas e punto»

Alejandro Vázquez, de 28 anos, coñece o campo por cuestións familiares e vocacionais. Na súa casa, situada na parroquia de San Martiño de Vilameá (Guntín), hai una explotación familiar á que el se incorporou, formando unha sociedade con súa nai. O negocio ten 120 vacas, das que aproximadamente a metade están en produción leiteira. Asemade é alumno da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC), onde cursa Enxeñaría Agrícola. Prevé rematar os estudos este ano e ter unha vida na que a actividade de gandeiro e a de enxeñeiro sexan compatibles.

-Que se considera vostede, un gandeiro que estuda ou un estudante de Enxeñaría que ten vacas?

-Máis ben un gandeiro que fai Enxeñaría. De feito, a miña idea é rematar este ano.

-Aínda son o campo e a universidade dous mundos alleos ou percibe que cada vez están máis conectados?

-Hoxe fai falta ir á universidade para traballar no campo. Tes, por exemplo, os robots, e hai moita burocracia. Alguén que non teña saído nunca do campo non aprende. Iso de ‘sempre se fixo así' vale, pero hai que mellorar. Hai que buscar esa formación, ese coñecemento, e hai que mellorar.

-Pensa que pode haber futuro no campo?

-Creo que si o hai, pero quedarán no campo os gandeiros que vexan o traballo como unha empresa. Non vale ter unhas vacas e punto. Podes ter unhas vacas por gust, pero hai que xestionar como se fose unha empresa. O traballo ten que sen rendible e cómodo.

-É duro hoxe o traballo no campo?

-Hoxe [sábado 6] fixen cousas na oficina. Cando chegan as campañas, a do millo ou a da herba, hai que dedicarlle horas e non se remata ás oito da tarde. No campo hai traballo, pero é distinto ao de hai anos.

-O gandeiro produce leite, pero está suxeito ao prezo que lle pagan, no que non ten poder de decisión, e ao custo de produción, que ten subido nos últimos tempos. Que se pode facer para manter unha marxe de beneficio?

-A clave é rebaixar o custo de produción. Hai que rendibilizar a produción: canto máis barata sexa, máis beneficio. Pódese cambiar de empresa para vernder o leite, pero ao final é o mesmo. Tamén hai que ter coidado cos investimentos: facer investimentos que realmente non fan falta non ten sentido.

-Dedicarse ao campo é hoxe unha renuncia ou un traballo coma calquera outro?

-Hoxe é un traballo sinxelo, pero trabállase con animais. Se unha vaca ten un problema, os horarios cambian, pero non son coma antes. E hoxe ándase sentado nun tractor, xa non se anda cun sacho.