Patrocinado por Patrocinadopor

Un túnel do viño para celebrar o Día Mundial do Enoturismo

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

CAPOTILLO

Martín Códax organiza o vindeiro sábado tres sesións nas que os participantes poderán degustar as elaboracións da adega acompañadas de queixos con denominación de orixe

09 novs 2023 . Actualizado ás 17:51 h.

O vindeiro domingo, 12 de novembro, é o Día Mundial do Enoturismo. E en Adegas Martín Códax non quixeron deixar pasar esta cita sen facer a correspondente celebración. Así que un día antes, o sábado, organizarán un túnel do viño nas súas instalacións. Os interesados en participar deben xa adquirir as súas entradas na web da adega, ao prezo de 12 euros cada unha.

Segundo as Rutas do Viño de España, Martín Códax é, actualmente, a Mellor Adega Aberta ao Enoturismo de España. Un galardón que recoñece o gran labor desenvolvido por esta firma na difusión da cultura do viño. De feito, esta adega hase caracterizado sempre por contar cunha ampla programación de visitas que, ademais, ofrecen experiencias arraigadas no territorio co obxectivo de pór en valor a contorna e as tradicións da zona. A firma conta cunha coidada programación que se renova cada tempada e que está pensada tanto para visitantes como para locais que queren achegarse ao mundo do viño. Durante todo o ano, ofrece un total de catro propostas diferentes que, a través de visitas guiadas, permiten coñecer a orixe da adega e os segredos das súas elaboracións. Todos elas finalizan con diferentes catas, mentres se goza das excepcionais vistas sobre a Ría de Arousa. Agora, a adega presenta unha nova actividade, con motivos do Día do Enoturismo e, o vindeiro sábado, os asistentes poderán coñecer de primeira man e degustar as diferentes elaboracións desta adega cambadesa a través dun túnel do viño. A cata será maridada, ademais, con queixos galegos amparados por denominación de orixe. 

Os visitantes poderán gozar destas experiencia ás doce do mediodía, á unha da tarde ou ás cinco. Cada visita terá unha capacidade limitada de 30 persoas e as entradas poidan adquirirse xa na web da adega. Teñen un prezo de 12 euros.

Segundo explican en Martín Códax, o Día Mundial do Enoturismo está promovido pola Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN) co obxectivo de divulgar a cultura do viño e o seu turismo. Celébrase todos os anos o segundo domingo do mes de novembro e durante esta xornada teñen lugar diferentes actividades festivas e culturais en diferentes localidades de toda Europa.