Patrocinado porPatrocinado por

Consecuencias da seca no campo galego: da falta de pasto para as vacas á necesidade de regar

Maruxa Alfonso Laya
Maruxa Alfonso REDACCIÓN

AGRICULTURA

Martina Miser

Os gandeiros temen polas próximas campañas de ensilaxe

15 feb 2022 . Actualizado á 10:58 h.

A escaseza de auga nestes primeiros meses do ano está a afectar de forma desigual á actividade agraria e gandeira. Na comarca do Deza, por exemplo, están preocupados pola alimentación das vacas, pois a herba que normalmente pastoreaban a estas alturas do ano desapareceu. Na Limia, en cambio, nunca teñen pastos nesta época, pero aseguran que a terra está igual que a mediados de agosto, completamente seca. Os agricultores de horta, pola súa banda, recoñecen que están a regar este ano máis do normal, aínda que tamén aseguran que é a primeira vez en moito tempo que traballan a terra con tanta facilidade en xaneiro. O mesmo sucédelles aos viticultores, que puideron podar e atar o viñedo sen ter que mollarse. En xeral, todos confían en que a situación mellore nas próximas semanas, pero agardan que o faga aos poucos. É máis, hai quen pide un pouco de neve, pois sería a mellor forma de humedecer a terra de forma progresiva.

Gandería

Os pastos e a ensilaxe. A afectación da seca aos gandeiros depende moito da zona de Galicia. Na comarca do Deza, por exemplo, as consecuencias da falta de auga xa se están notando agora. «Os pastos non medran e os prados están moi parados, en parada vexetativa, algo que facía moitos anos que non pasaba», asegura Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza. Isto significa que as vacas que pastorean «están saíndo en realidade a tomar o sol, porque non hai herba», explica. Pero é que, a maiores, periga tamén a primeira campaña de ensilaxe, a que se realiza entre finais de marzo e principios de abril. «A primeira corta de herba importante a facemos entre finais de marzo e principios de abril, pero este ano non sabemos como será a cousa», lamenta. A maiores, asegura, resulta moi difícil levar a cabo tarefas como a fertilización de terreos. «Botas o xurro na finca e queda todo seco, coma unha costra», engade.

«Vos pastos non medran e vos prados están moi parados, en parada vexetativa, algo que facía moitos anos que non pasaba»

Na Limia, en cambio, «actualmente non nos está afectando porque nesta época non temos pasto pola xeada, pero estamos con medo ao que vai pasar», engade Marcos Quintas, do SAT Torneiros, de Allariz. Afirma que se empeza a chover agora pode amolar a próxima campaña de ensilaxe.

«A nosa zona ten moita pendente e se chove moito vai varrer todo. O ideal sería que nevara, para que a auga entrara pouco a pouco na terra», insiste. Porque, a estas alturas do ano, «a terra está coma se estiveramos en agosto, completamente compactada, seca e con costra», relata. E se non chove pronto os pastos non crecerán adecuadamente, así que o seu maior temor é non conseguir alimento suficiente para que as súas vacas aguanten todo o inverno que vén.

A horta

Traballos adiantados e rega en marcha. En Horsal, a principal cooperativa de horta de Galicia, aseguran que a falta de auga non lles está ocasionando, por agora, moitos problemas. «Igual os repolos ao aire libre están notando algo a falta de auga, pero o que está en invernadoiro non ten problema», explica Alberto Amil, agricultor e presidente da cooperativa cambadesa. É máis, recoñece que estas condicións meteorolóxicas son estupendas para traballar. «¿A quen lle gusta a auga? Estamos traballando coma se fose maio», relata. As leiras non están alagadas, pódese traballar cos tractores sen risco de que queden atrancados no barro e os agricultores non se mollan cando teñen que traballar ao aire libre. Con todo, Amil teme o que poida pasar a partir de agora. Porque se a primavera vai ser tan chuviosa como se teme, entón si pode causar danos aos cultivos.

«Os cultivos de inverno resisten máis e a terra nesta época ten máis humidade», engade Santiago Pemán, agricultor e responsable dA leira dos corvos, nas inmediacións de Santiago. Aínda así, recoñece que este ano están a regar moito máis que en exercicio anteriores. Pero non só porque non chovese, senón tamén polas temperaturas. «Houbo noites de xeada, pero tamén houbo días de 19 e 20 graos, en xaneiro», afirma. Recoñece, ademais, que estas condicións meteorolóxicas permitíronlles adiantar os traballos nas leiras, aínda que teme, do mesmo xeito que os demais, que as choivas cheguen con intensidade na primavera e danen a colleita.

O viño

En parada vexetativa. «A viña está en repouso así que esta falta de auga non nos está afectando», asegura Alberto Barral, director técnico dos cooperativa Condes de Albarei, en Rías Baixas. É máis, ao viñedo viñéronlle ben os días de frío, que axudan a controlar as futuras pragas. Os problemas poderían comezar a partir de agora. Se segue facendo calor, adiantaríase a brotación, o que non é desexable «porque a viña estaría expostas ás xeadas tardías». Tampouco é desexable que siga sen chover, aínda que a vide aínda pode resistir un tempo.