A Xunta quere arrincar o mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia a principios do 2026
SOMOS AGRO

Tras aprobar o decreto que o regula esta mañá, aínda ten que licitar este ano a plataforma electrónica que se encargará de xestionar o novo mercado
16 sep 2025 . Actualizado á 10:18 h.En xaneiro do 2024 o Goberno galego acordou o inicio da tramitación do proxecto de decreto de polo que se regula o sistema de créditos de carbono da Xunta, un documento que despois de saír a información pública hai un ano foi aprobado este luns no Consello. O prazo que se marca agora o Executivo autonómico é que estea a funcionar a principios do ano que vén, despois de sacar este ano a licitación pública a plataforma electrónica que xestionará este novo mercado voluntario «mediante transaccións verificables e certificadas para dotalo de restrexabiliade e seguridade». Cada crédito de carbono, segundo a Xunta, equivalerá a unha tonelada de CO2 absorvida. O decreto tamén recolle a creación dun comité técnico para avaliar as metodoloxías necesarias para o cálculo dos créditos de carbono de cada proxecto como xa estaba previsto.
O desenvolvemento desta plataforma, como explican desde a Xunta, farase no marco do SICLE CO2, un dos oito proxectos galegos escollidos este ano no marco da convocatoria de compra pública innovadora, financiada nun 40% pola Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático e nun 60% con fondos europeos da liña FID que ten como obxectivo apoiar recursos baseado no I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que teñen que ser adaptadas. Esta iniciativa conta, como din desde a Xunta, con 6,8 millóns de euros de presuposto, dos que seis se destinarán á licitación da plataforma e 800.000 á posta en marcha de accións de comunicación de mercado e da oficina técnica que xestionará todo o sistema.
Como xa se explicou no seu día o que se pretende é crear unha especie de mercado virtual no que se porá en contacto aos promotores de actividades xeradores de créditos de carbono con aqueles que estean interesados en adquirilos dunha forma voluntaria «e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar emisións».
Como xa se explicou no seu día, os proxectos susceptibles de xerar créditos de carbono poderán estar relacionados coa reforestación e conservación dos bosques, a restauración de ecosistemas mariños e costeiro, a adopción de prácticas agrogandeiras rexenerativas ou o impulso das enerxías renovables. Porque non hai que esquecer, como din algúns expertos que traballan na medición de gases de efecto invernadoiro que retén o chan que a agricultura rexenerativa é capaz de reter entre unha e dúas toneladas de carbono por hectárea e ano.
Non hai que esquecer tampouco que cando saíu a iniciativa a información pública recollíase tamén a porcentaxe máxima de bonos que un propietario poderá comercializar a intermediarios. A idea recollida no proxecto é que fóra un 15%..