Patrocinado por Patrocinadopor

Rías Baixas celebra en Madrid a súa cata das anadas

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

CEDIDA

Un total de oitenta viños concorren a un certame que busca demostrar as posibilidades de garda do albariño

25 novs 2020 . Actualizado ás 09:29 h.

Seguir adiante coa promoción dos seus produtos, respectando en todo momento as medidas de seguridade, é un dos obxectivos que se marcou o consello regulador de Rías Baixas. Porque, a pesar da pandemia, esta denominación de orixe quere continuar dando a coñecer as bondades dos viños que ampara. Por iso esta mesma semana celebrará en Madrid a súa tradicional cata das anadas, unha cita que busca demostrar que o albariño tamén pode ser un viño de garda.

O hotel Paseo das Artes de Madrid será o escenario elixido pola denominación de orixe para a oitava edición destas catas. Nesta sesión participarán un total de 80 marcas, cinco máis que na edición do 2018, pertencentes a 36 adegas diferentes da denominación de orixe. Seguindo un estrito protocolo de seguridade e prevención contra o covid-19, o consello regulador reunirá a un xurado de vinte expertos, entre xornalistas e catadores, que valorarán todas as mostras a concurso. Os viños pertencen a anadas anteriores ao ano 2016.

E é que o principal obxectivo desta iniciativa, que se realiza cada dous anos, é o de demostrar as posibilidades de garda dos viños desta denominación de orixe. Nesta ocasión participan no certame vinte e dúas mostras do ano 2016; 21 do 2015; 13 do 2014; sete de 2013; tres de 2012; catro de 2011; cinco de 2010; unha de 2008, tres de 2007 e unha de 2005. O xurado terá que puntuar cada unha destas elaboracións e, aquelas que obteñan máis de 82 puntos, serán galardoadas coa Colleita de Prata. A de Ouro será para os que obteñan entre 85 e 92 puntos. E aqueles que superen esta última cifra recibirán como premio a Gran Colleita de Ouro.

Túnel das anadas

O que a pandemia obrigou a suspender, nesta ocasión, é o tradicional Túnel das Anadas, un espazo no que os profesionais e amantes do viño poderían degustar todas esas colleitas anteriores que participan na cata das anadas. Por motivo de responsabilidade non se celebrará esta actividade.