Patrocinado por Patrocinadopor

O vinagre tamén se apunta ao picante dos pementos de Padrón

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

cedida

Vinagres do Ribeiro e Pementos Carmucha unen forzas no novo produto

11 novs 2020 . Actualizado ás 09:37 h.

De todos é sabido que o pemento tipo Padrón frito é unha das maiores exquisiteces. Pero iso non impide que cada vez sexan máis as empresas que están a investigar para buscar novas aplicacións para esta hortaliza tan típica de Galicia. Hai xa marmeladas e bombones e ata un pemento. Nas próximas semanas poderá atoparse tamén nos mercados un vinagre que utiliza estes populares pementos para extraerlles todo o seu aroma. É a última aposta de Vinagres do Ribeiro, a primeira empresa de Galicia en apostar polos vinagres de calidade baixo a marca Albarro e que conta xa con outros tres produtos aromatizados de forma natural.

Explica o responsable da firma, Xoán Paulo Lorenzo, que non foi sinxelo dar coa fórmula para equilibrar o picor destes pementos e os aromas do vinagre. «Fixemos dez fórmulas primeiro, que deixamos en catro e das que fomos seleccionando para escoller a mellor», asegura. O resultado é un vinagre «que ten ese aroma a verde típico dos pementos e que ten un retrogusto un pouco picante». O proceso leva a cabo en colaboración con Pementos Carmucha, unha empresa familiar que desde hai máis de 90 anos cultiva estes pementos e que está acollida á denominación Pemento de Herbón. Ela fornécelle todos os ingredientes cos que, de forma totalmente natural, se aromatiza o vinagre. Leva unha parte de escamas desecadas do pemento tipo Padrón cando este se volve xa vermello. Tamén unha parte de po, que se consegue tras triturarlos despois de habelos o. E algúns froitos tamén de cor vermella. Todo iso se deixa macerar co vinagre, para que este colla o aroma desexado. «Buscouse facer un vinagre totalmente natural, sen aditivos, sen sulfitos e con moito sabor e aroma», explica Xoán Paulo. Querían un vinagre que tivese as mellores cualidades organolépticas do pemento tipo Padrón, «pero sen ter que facer unha salsa. Queríamos facer un produto simple, natural, que se macera con froitos coma o pemento», engade.

Arraigada tradición

Vinagres do Ribeiro leva só tres anos nos mercados e, desde entón, xa conseguiu situar os seus produtos nas mellores tendas gorumet e restaurantes de Galicia. Tamén se están comercializando noutras zonas do resto do país e comezaron a exportar, tendo os seus primeiros clientes en Alemaña e Países Baixos. Durante dous anos consecutivos, os seus produtos lograron a medalla de ouro no único concurso internacional de vinagres, organizado por Vinavín. «Apostamos polo vinagre artesanal e cunha nova visión que pon o vinagre no centro, como un produto gourmet e non como mero condimento», explica Lorenzo. Destaca, ademais, que na súa elaboración se utiliza un elemento de enorme prestixio, como o viño do Ribeiro. «Reivindicamos que a uva ten moitas máis posibilidades co viño», conclúe. O mesmo está a suceder cos pementos tipo Padrón, que poden consumirse de mil formas diferentes.