César Cambeiro: «Podemos amar á nosa parella actual e botar de menos á anterior»

M. J. REDACCIÓN / LA VOZ

PRATA O Plomo

César Cambeiro da vida a Isidro en «Saudade de ti»
César Cambeiro dá vida a Isidro en «Saudade de ti» .

Novos capítulos da serie a partir das 22.40 horas na Televisión de Galicia

13 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O actor César Cambeiro interpreta a Isidro Eiroa, o pai da protagonista de Saudade de ti. Despois de quedar viúvo, debido ao accidente de tráfico co que daba comezo a serie, e vivir unha fonda crise, ao descubrir que a súa esposa Olga lle fora infiel con Gaspar, parecía que Isidro lograra refacer a súa vida sentimental xunto a Belén. Pero unha agresión a Garay, o médico que estaba acosando a súa filla, acaba por levalo a prisión.

—Agora xa sabemos que a agresión a Garay foi cousa de Isidro. Como cres que vai reaccionar a súa filla Celia ante as consecuencias do seu comportamento?

—Celia pode ter dúas reaccións. Ou leva un desgusto como un mundo que a afunde na miseria ou se enfada seriamente con seu pai. Calquera das dúas opcións lle preocupan moito a Isidro. Se Celia se anoxa, espero que teña presente que Isidro o fixo por ela, para protexela.

—Cres que Isidro se arrepinte de ter agredido a Garay?

—Isidro arrepíntese das consecuencia, pero non da malleira. Garay merecía unha boa tunda, pero a intención nunca foi deixalo en coma, só defender a Celia.

—A confesión de Isidro estivo motivada polo seu desexo de liberar a Raúl e que Celia puidera ser feliz con el. Será posible o amor entre eles?

—Isidro confía en que esa relación vaia adiante, senón non faría ese sacrificio. Isidro é un home sensible e sabe o que hai entre Raúl e súa filla. Por iso está seguro de que o amor vai triunfar.

—Non sería moito máis doado para todos que Celia elixira a Santi como parella?

—O cerebro de Isidro dille que si, que sería máis doado que Celia escollera ao enfermeiro. Todo sería menos conflitivo e pode que Santi lle dese máis estabilidade, pero Isidro é unha persoa que se deixa guiar polas emocións e o corazón dille que Celia ama a Raúl.

—Esta temporada Isidro recuperou a ilusión.

—Ao principio, Isidro tivo un conflito entre o amor por Belén e as lembranzas da súa defunta esposa, pero el é un home vital que cre na superación, por iso refixo a súa vida. Entendeu que podemos amar a unha parella a botar de menos a a anterior. É compatible conservar na memoria o cariño por Olga e vivir con ilusión a súa relación con Belén.

Humy Donado en la «Saudade de ti»
Humy Doado na «Saudade de ti»

—Despois da entrada en Isidro no cárcere, continuará a súa relación con Belén?

—Belén tivo que elixir entre marcharse co seu fillo David ou quedar en Abrente. Non foi unha decisión sinxela, pero elixiu a Isidro. O problema é que agora se quedou soa e vai ti a saber se planea marchar de novo. A dúbida sempre está aí, pero Isidro cre no amor. De feito, o motivo polo que entra en prisión é o amor. Por iso confía en que Belén entenda os seus motivos e o apoie.

—Despois da fuxida de David, cres que o fillo de Belén vai aproveitar a túa ausencia para volver a pola súa nai?

—David é un malnacido. Seguro que vai facer todo o posible para seguir aproveitándose de súa nai. Pero xa digo que Isidro confía no amor. Está seguro de que Belén non vai caer de novo nas artimañas de seu fillo.