Netflix confirma que «Sky Rojo » despedirase cunha terceira tempada

La Voz REDACCIÓN

PRATA O Plomo

TAMARA ARRANZ

Contará con oito episodios e estrearase no 2022

14 ago 2021 . Actualizado ás 09:45 h.

Liberdade ou pasado. Con estas dúas palabras adiantou este xoves a plataforma Netflix que Sky Rojo terá unha terceira tempada, que suporá o final das aventuras de Coral, Wendy e Gina na serie creada por Álex Pina e Esther Martínez Lobato (A casa de papel).

Como as dous anteriores, a tempada final contará con oito episodios e estrearase no 2022. Coral (interpretada pola española Verónica Sánchez), Wendy (a arxentina Lali Espósito) e Gina (a cubana Yany Prado) son tres prostitutas que foxen do Club As Noivas tras un suceso violento con Romeo, o dono e principal proxeneta, interpretado por Asier Etxeandia.

Tras os seus pasos van os matóns, os irmáns Moisés e Christian (Miguel Ángel Silvestre e Enric Auquer), mentres elas pelexan por escapar e por levar algo que lles permita empezar de novo.

Os novos episodios terán lugar seis meses despois da última batalla, cando as tres mulleres descobren que a paz é só unha falsa sensación entre períodos de terror. Cando a súa nova vida estala en pedazos, as mozas entenden que o pasado sempre volve e que se queren ser realmente libres deben acabar con Romeo.

Sky Rojo , que toma o seu nome do sofá de escay cor vermella que preside a sala onde as mozas agardan aos clientes, é un cóctel de acción e adrenalina con estética «tarantinesca» de «pulp latino» que trata -afastándose do drama e cun formato de acción e comedia negra- temas cun forte transfondo social como a trata de mulleres e a prostitución forzada.