Selectividade: aqueles códigos de barras

Mariluz Ferreiro A Mi BÓLAS

SELECTIVIDADE

ANGEL MANSO

12 jun 2019 . Actualizado ás 14:21 h.

Hai un pesadelo recorrente para millóns de persoas. Aqueles que pasaron polas aulas do instituto e da universidade de cando en vez regresan nos seus soños ás clases porque descubriron, con horror, que deben presentarse ao único exame que lles falta para graduarse ou para licenciarse. Noutras ocasións corren porque creen que non chegan a tempo para presentarse á selectividade. De cando en vez volve ese calafrío, que só se acaba co suspiro do espertar e que permite chegar á conclusión de que a selectividade é como eran o sarampión ou as paperas outrora, algo que había que pasar o máis dignamente posible e que ninguén desexaba ao veciño. Houbo uns anos, a principios dos noventa, nos que os estudantes se consideraban afortunados simplemente polo feito de non ter que repetir ningún exame en xuño. En 1992 máis de dez mil galegos levaron ración dobre nalgunhas materias porque as preguntas habían rulado entre certos alumnos, sin duda, avantaxados. «Houbo filtración, vai tocar Platón», cantábase en Compostela. Aínda que, en realidade, algúns sabían con antelación que naquela convocatoria ían caer Descartes e Kant e tamén estaban ao tanto de pistas realmente fiables sobre as probas de Literatura e Inglés. Cando se confirmou que non quedaba outra que volver examinarse, os que non habían cheirado nada berraban: «Eu non son un código de barras!». Ese adhesivo identificativo utilízase aínda. Hoxe seguimos sendo códigos de barras. Moito máis que onte. E con moitas máis preguntas que respostas.