Sunny Ahluwalia, que fai música baixo o nome de Delaait, inspirouse no que para el é o son máis recoñecible da cidade: «Calquera que pasase algunha vez por esa zona ten a melodía metidísima na cabeza»
19 ene 2025 . Actualizado á 14:09 h.«Porta Faxeira, pode pasar» xa non é só o eco dun semáforo. A voz feminina que antecede á repetición rítmica de asubíos, pegada con Superglú na cabeza de todo aquel que pasase algunha vez pola zona, soa como gancho nun tema, xa viral, que leva como nome o do propio paso de peóns. «Non che sabería dicir outro son de Santiago que fose tan recoñecible», alega Sunny Ahluwalia, coñecido nas redes sociais como Delaait.
Criado en Bertamiráns, estudo a carreira de Económicas no campus norte da USC. «Sempre ía camiñando cuns amigos e, cando pasabamos por Porta Faxeira, diciamos: "Isto ten que ser unha canción"», reflexiona este mozo de 25 anos. Meu dito meu feito. Incrustou a frase a unha base de techno que xa tiña montada no computador, xusto para anticipar o momento no que rompe o beat. Colgouna nas plataformas de streaming e a resposta non puido ser máis positiva: «Fíxome graza que, ao subila, pedíronme que fixese máis cancións son semáforos de Santiago».
«Calquera que pasase ningunha por aí ten o son metidísimo na cabeza», di Ahluwalia. El, que reside en Madrid por motivos laborais, púxolle a canción á xente do seu círculo que, por unha cousa ou por outra, pasara algunha vez por Compostela. Foi a proba de lume, porque todos recoñeceron a sintonía. «É das poucas cousas que lembran. Escoitar isto transpórtate a Santiago cento por cento», explica. Non é para menos. Porta Faxeira, que conecta a Alameda co centro histórico, é o punto polo que pasan diariamente os estudantes das facultades de Medicina, de Historia e das que hai no campus norte. Sendo unha das zonas máis concorridas de Santiago, o asubío é xa un referente. «Se atopo outro son igual de recoñecible, fágolle unha canción seguro», chancea Delaait, en referencia ao icónica que pode chegar a resultar unha frase tan simple como a de Porta Faxeira, pode pasar.
Sen ir máis lonxe, ao colgar a canción, algúns usuarios suxeríronlle que fixese outros temas con máis sintonías de semáforos. Entre as mencionadas, a de Ánxel Casal, a da Avenida de Lugo ou a de Romero Donallo. Asegura que todos os comentarios que lle deixan en TikTok, plataforma na que Porta Faxeira supera as 100.000 visualizacións, son positivos. «Para min, iso é unha alegría. O tema, aínda que non che guste, está gracioso. Aínda que sexa como meme, é divertido», reflexiona. A sintonía chegou incluso aos comercios da zona, xa familiarizados co incisivo asubío: «E nós escoitándoo acotío na farmacia», escribíanlle desde a conta de Gómez-Ulla, en referencia ao furor que o asubío estaba a causar entre o resto de usuarios, que lle deixaban afirmacións como a de «vaia temazo», «marabilla» ou «fantasía pura».
El compón no seu cuarto e desde o computador, algo que leva facendo como hobbie desde os 14 anos. No seu catálogo de temas, que colga nas plataformas a medida que os vai facendo, as referencias a Galicia son constantes. A anterior a Porta Faxeira é un tema que bebe dos ritmos do hip hop e do rap. «O que fago é samplear a unhas señoras de Pazos de Borbén», explica. Outra das recentes é unha versión en dub de Negra Sombra. «Hai moitas cousas moi distintas», asegura. Conta que, ao principio, Porta Faxeira ía ter letra. A idea era a de trazar o relato dunha noite de festa que empeza na zona vella de Compostela e que remata noutra cidade, de aí o son do tren que escoita na última parte. «Ao final non tiven as voces, pero a min, polo menos, gústame así», di satisfeito.