«A horta ecolóxica é máis eficiente en xestión de recursos que outros modelos»

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

Sandra Alonso

Miguel Navarro vende os seus produtos porta a porta e no mercado dos martes en Belvís

18 abr 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Literalmente, da horta á porta de casa. Así distribúe Miguel Navarro os produtos que sementa, coida e consente na súa leira ecolóxica dunha hectárea ao aire libre e invernadoiro de 1.500 metros cadrados en Vedra. A súa aventura empresarial comezou fai uns oito anos, xunto á súa muller Conchi do Campo, e segue agora en solitario, porque «ela está agora con outro proxecto». Miguel ten unha serie de clientes de Santiago e a súa contorna aos que leva as súas caixas de produtos aos seus fogares semanalmente. E, ademais, comparte espazo cada martes con outros seis produtores ecolóxicos no mercado Lusco e Fusco de Belvís. Miguel lamenta que «dende as administracións non se termina de apoiar este tipo de produción fronte a outras industriais». E todo iso a pesar de que, defende, «somos máis eficientes en xestión de recursos e os nosos prezos son máis estables que os de outros modelos». O horticultor destaca como «ameaza máis grande as plantacións de Albariño que estanse a estender na subzona da Ulla: Teo, Vedra, Vila de Cruces, Touro. Son incompatibles, polo uso dos funxicidas, cos cultivos ecolóxicos». Sinala que dedicarse á agricultura, e máis exactamente ao cultivo ecolóxico, non é doado e require de sacrificio, pero compensa: «Contribuímos a fixar poboación e ofrecemos produtos a prezos máis xustos para todos. Temo que, de seguir a expansión industrial, estamos abocados á extinción». No seu caso, Miguel e Conchi aspiran a manter o consolidado ata agora e poder levar a bo porto a plantación de árbores froiteiras, na que seguirán o modelo ecolóxico: «Nun ano espero ter a produción». As persoas que reciben cada semana a caixa cos seus produtos poden dispor de verduras e legumes de tempada, que van variando en cada época do ano. O invernadoiro permítelle adiantar e prolongar un pouco as colleitas de determinados artigos. «Os tomates son de invernadoiro, porque sen forzar o cultivo é máis doado». Aínda que os máis puristas consideran que os produtos de invernadoiro non poden competir en sabor e calidade cos do aire libre, Miguel sostén que «se non se forzan, non hai diferenzas». Os cultivos ecolóxicos e o comercio de proximidade teñen respaldo «de palabra dos políticos, pero falla o apoio real» que si ofrece a xente en xeral, porque «opta por eles fronte a outros: na carteira de clientes hai estudantes comprometidos coa causa e xente con máis ou menos recursos, porque non é certo que sexan máis caros que os que venden nos supermercados, ás veces están por debaixo». Miguel reivindica o apoio aos agricultores «que cada día apostan duro por este modelo para seguir crecendo. Os novos produtores non son competencia, son compañeiros».