Os composteláns dan de alta de momento case mil galiñeiros ante a esixencia de rexistralos

La Voz SANTIAGO

VAL DO DUBRA

ALBERTO LÓPEZ

Para comprar galiñas agora haberá que presentar o código da explotación que se entrega ao dalos de alta

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Santiago rexistrou nos últimos días practicamente mil galiñeiros de autoconsumo, ante a esixencia de inscribirse no rexistro de explotacións gandeiras, segundo unha disposición estatal que regula a avicultura. Quen non o faga exponse a non poder repor as súas aves, pois para comprar galiñas hai que presentar o código da explotación que se entrega ao dalos de alta. Ata onte, en Santiago rexistráronse 948, unha cifra elevada e que supera de forma notable aos tramitados ata agora en municipios da contorna, como Boqueixón, Vedra ou Val do Dubra, que tamén dependen da Oficina Rural de Santiago, que nos últimos días rexistra colas na súa sede de Fonte de Concheiros.

Segundo apuntaba a veterinaria do servizo Esperanza Longueira en Radio Voz, estes días poden pasar pola oficina unhas 40 ou 50 persoas para rexistrar esas explotacións, aínda que o seu existencia tamén se pode comunicar a través dos rexistros da Administración ou da sede electrónica da Xunta. O trámite é gratuíto. Os galiñeiros de autoconsumo non poden ter máis de 30 galiñas poñedeiras ou 50 pitos, ou unha combinación de ambos, por «exemplo 15 poñedoras e 25 polos», di Longueira.