Melide e Trazo terán que prohibir este verán o baño nas súas praias fluviais

La Voz MELIDE

TRAZO

NOGUEROL

A calidade das augas nas áreas de recreo de Furelos e Chaián é insuficiente

28 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños de Santiago e da súa área de influencia terán, este verán, unha opción menos para darse un mergullo en auga doce, a dous pasos de casa. Á praia fluvial de Melide , na que un ano máis haberá que volver desaconsellar o baño, súmase a de Chaián, no municipio de Trazo . O informe sobre a calidade das augas emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública atribúe un insuficiente ás que corren polas áreas recreativas que deixan ao seu paso os ríos Furelos e Tambre.

Aínda que esa clasificación sanitaria é provisional, tal e como consta no documento, o certo é que non acostuma rexistrar variacións sobre a que finalmente rexerá na tempada. A pesar de sumar unha nova praia fluvial na que non será aconsellable o baño, o número de áreas recreativas nas que refrescarse no verán segue sendo maior na capital e a súa área de influencia. Así, a praia fluvial de Tapia, no río Tambre ao seu paso por Ames, recibiu a máxima clasificación sanitaria no que á calidade da auga refírese. É excelente. Os controis analíticos realizados, durante todo o ano, desde a Consellería de Sanidade tampouco guindan malos resultados nas zonas de baño do Pino e de Rois. A calidade das augas do río Tambre ao seu paso pola área recreativa da Tarroeira, no primeiro dos municipios, é boa, mentres que as do río Rois, en Seira, teñen unha calidade suficiente.

Na praia fluvial de Trazo, a calidade das augas do río Tambre pasou de boa —de acordo coa clasificación das últimas tres tempadas de baño— a insuficiente. No suspense mantéñense as augas do río Furelos ao seu paso pola área recreativa homónima desde a campaña do 2021. Unha tempada antes, o suficiente asignado á praia fluvial de Melide salvábaa de ser excluída do censo de zonas de baño da Xunta, posto que acumulaba catro anos consecutivos cun insuficiente na calidade das augas. En vista dos últimos datos, esa é a senda pola que volve discorrer. A diferenza respecto de entón é que o proxecto para rexenerar a zona de baño está feito. Hai máis de dous anos que a Xunta llo enviou con todos os permisos ao Concello melidense, pendente de licitalo desde entón.