Sen dúbida, ninguén pode dicir que a alcaldesa de Teo sexa unha pusilánime. Ten un proxecto na cabeza, ten os votos dos veciños e tira de fronte. A día de hoxe —a vida dá moitas voltas— é sen dúbida unha líder, desas persoas que fan falta para levar adiante proxectos, sexan elas do signo político que sexan. As súas respostas a unha entrevista que publicou este xornal hai uns días non teñen desperdicio, e tanto os seus opositores como en San Caetano deberían lelas con coidado. É, ou parece ser, unha persoa institucional, non unha botarate desas que desde os extremos propoñen solucións facilísimas («En cinco minutos arránxoo») a problemas que de doados non teñen nada.
Dito iso, e sabendo que hai vantaxes se aumenta a poboación, a teima da alcaldesa e doutros moitos dirixentes é que o seu municipio creza. E iso está tan asumido que dicir o contrario deixaría perplexo ao lector. Porque non, non todos os municipios teñen que crecer. Esa é unha teima latina, agravada polo descenso da poboación autóctona e a chegada dos (necesarios) inmigrantes. Outra cousa distinta é o caótico manexo da inmigración a nivel español e europeo.
Se a alcaldesa de Teo —e tantos outros colegas de cargo— danse un paseo polos países máis desenvolvidos comprobará que son moitos os municipios que o que queren é non crecer, porque iso lles rebaixa a calidade de vida. E en bastantes deles son os propios cidadáns, non a alcaldesa de quenda, os que xeran esa presión social para manter a vida de pobo, ou a paisaxe. Por iso hai enclaves urbanos tan belos polo norte europeo adiante. Compáreos con Cacheiras. Ou con Ou Milladoiro. Ou con Bertamiráns.