Teo cubrirá a praza de auxiliar de biblioteca con persoas con discapacidade mínima do 33 %

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

XOAN A. ADOITAR

O prazo de inscrición está aberto desde o 26 de decembro

02 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As administracións deben reservar o 5 % das prazas de emprego público a persoas con discapacidade recoñecida, pero no caso dos concellos cumprir esta premisa instaurada no 2004 resulta practicamente imposible polo escaso número de prazas que se convocan.

Como alternativa, o Concello de Teo decidiu cubrir o posto de auxiliar de biblioteca con persoas cunha discapacidade de polo menos o 33 %. «Nun primeiro momento pensamos na posibilidade de primar nas bases ás persoas con discapacidade, pero finalmente optamos por convocalas so para este colectivo», argumenta Ignacio Iglesias, edil de Persoal, que considera que a decisión «é un xeito efectivo de garantir unha integración real».

As bases convocadas polo Concello establecen que a modalidade de selección será un concurso-oposición. Todas as persoas que participen no proceso deberán ter a titulación de ESO, ter cumprido os 16 anos de idade, dispor do título Celga 3 (ou superar un exame) e posuír a capacidade funcional para a funcións e tarefas que levará a cabo.

No momento de formalizar a inscrición neste proceso selectivo as persoas que necesiten algún tipo de adaptación para poder presentarse deberán acreditalo convenientemente para que o Concello tome as medias necesarias que lles permitan examinarse con garantías. O posto terá unha categoría laboral do grupo da administración C2 e o centro de traballo estará na Mediateca de Cacheiras.

Inscrición aberta

As bases da convocatoria foron publicadas o pasado 25 de novembro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), mentres que o preceptivo anuncio no Boletín Oficial do Estado publicouse o 24 de decembro. En ambos os documentos consta que o prazo de inscrición permanece aberto durante vinte días hábiles tras a publicación do anuncio no BOE, polo que lle prazo está aberto desde o pasado 26 de decembro.

Ignacio Iglesias avanza que, posiblemente, a convocatoria de prazas concretas para persoas con discapacidade recoñecida volverá repetirse en novos procesos de selección que promova o Concello teense. De momento, nos máis inmediatos non está incluído, xa que, xunto á praza de auxiliar de biblioteca, Teo convocou procesos de selección para cubrir dúas máis para servizos múltiples. Tamén pertencen ao grupo C e C2 e o proceso selectivo será por concurso-oposición. Neste caso o acceso é libre.