Búscanse amigos a cambio de bondade e amizade da boa

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

TEO

CEDIDA

Usuarios de Aspamite emulan aos personaxes da serie «Friends» nunha campaña coa que buscan relacionarse con outros fose do centro de Teo

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

 Irradian alegría e están a desexar coñecer a xente disposta a darlles unha oportunidade. Os usuarios do centro de día para persoas con diversidade funcional que Aspamite ten na travesía das Galanas (Teo) buscan amigos e para iso emprenderon unha orixinal campaña emulando, nunha fotografía —feita cos seus propios recursos—, aos actores da popular serie americana Friends. A idea xurdiu dunha das novas incorporacións ao equipo, Rita. «O obxectivo é que cada un deles consiga un amigo fóra da asociación. Sería marabilloso que isto pasase, porque son especiais e teñen unha maxia incrible. Son persoas moi valiosas, pero ás veces esquécellenos. Teñen moito que achegar e están a desexar comunicarse e relacionarse», explica Rosa González Blanco . A directora do centro emociónase ao falar destes dez usuarios, que tantas leccións lle deron a ela, empezando pola súa actitude vital. «Son unha xeración de poetas e nós tratamos de estimular a súa creatividade. Facemos moitas actividades, aínda que temos que esforzarnos por darlles unha maior visibilidade, aproveitando ademais que o 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade», engade. Por iso, tenden os brazos a outras asociacións e colectivos. Á sociedade en xeral, para pasar tempo xuntos. Retroalimentándose. Pola súa banda, ofrecen moita bondade e amizade da boa, sincera e incondicional.

MÁIS HISTORIAS DE PATRICIA CALVEIRO