Nove dos dez primeiros candidatos de Compostela Aberta son afíns a Noriega

Santiago / a voz

TEO

Militantes de Anova, EU, Ecosocialistas, Podemos e CIG copan a lista electoral

24 mares 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A lista Gañar Compostela, encabezada polo aínda alcalde de Teo, Martiño Noriega, copou, no proceso de primarias concluído a pasada fin de semana, nove dos dez primeiros postos da candidatura que Compostela Aberta (CA) presentará ás eleccións municipais en Santiago. Nas primarias, nas que votaron 1.036 persoas (73 % do censo) decidíanse os postos 2 ao 15, xa que a candidatura á alcaldía estaba reservada a Noriega por ser o único aspirante.

A maior parte dos candidatos de Compostela Aberta están vinculados a Anova, Esquerda Unida-EU e Espazo Ecosocialista, partidos aliados en AGE, así como á CIG e a Podemos, que aínda que non se integrou en CA si lle deu o seu apoio. Tras Martiño Noriega (coportavoz de Anova), a candidatura queda formada pola consultora en xestión económica María Rozas (EU-IU); Jorge Duarte, expresidente do Colexio de Arquitectos de Galicia; a escritora e coreógrafa Branca Novoneyra; Xan Duro, do grupo ecoloxista Verdegaia (Espazo Ecosocialista); Concha Fernández (exdirigente local do BNG), profesora de Intervención Sociocomunitaria no CIFP Compostela; Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (Espazo Ecosocialista), o único dos dez primeiros que non formou parte de Gañar Compostela; Marta Lois, profesora de Políticas e integrante do Anpa do colexio de Fontiñas; Rafa Pena, responsable da CIG no aeroporto; e Noa Morales , experta en relacións internacionais (EU-IU). Do posto once ao quince, séguenlles: Bautista Vega , presidente da sección sindical da CIG en Gas Natural Fenosa e da asociación de veciños do Camiño Francés; Mabela Porta (Podemos); Miguel Penas, exmilitante do BNG; Mari Luz López Pardal (Podemos) e Manuel López Gómez, Akin, (Podemos). Suso Sanmartin (Anova), que por número de votos era o décimo quinto, queda fóra ao formar a lista «cremallera». Cristina Amor, dirixente de Anova que chegou a figurar na lista de Gañar Compostela, finalmente non concorreu ás primarias.