
A Deputación compromete un catamarán para o encoro na canle do río Ulla
02 sep 2025 . Actualizado á 05:05 h.A Deputación da Coruña trasladará ao encoro de Portodemouros un dos barcos eléctricos dos que dispón para contribuír a que despegamento o proxecto de dinamización turística que o Concello de Santiso ambiciona pór en marcha para aproveitar o potencial do pantano. A dispoñibilidade da embarcación confirmoulla o vicepresidente do organismo provincial, Xosé Regueira, ao alcalde Manuel Adán (BNG) no transcurso dunha recente visita á parcela que, a beiras do encoro, adquiriu a administración municipal coa vista posta na materialización da súa estratexia turística, que contempla, entre outras propostas, o lanzamento de rutas polo pantano.
Hai xa dous anos que o Concello de Santiso adquiriu na parroquia de Beigondo os terreos, con, precisamente, «a idea de sentar as bases para a explotación turística da zona», afirma o rexedor. A parcela, de acordo co proxecto, acondicionarase como área recreativa, co encoro como reclamo para bañistas e para afeccionados á práctica de deportes acuáticos. De feito, os terreos adquiríronse por, ademais, albergar unha edificación con potenciais usos, como, entre outros, o de almacén de material deportivo. É tamén nesa parcela onde está previsto construír o pantalán desde o que operará a embarcación de Deputación coruñesa para as rutas turísticas polo encoro de Portodemouros. Tamén nese aspecto avanzaron no Concello de Santiso, coa redacción dun proxecto de embarcadoiro con zona de carga eléctrica para o barco, tal e como transcendeu na visita do presidente provincial, que comprometeu o apoio da Deputación coruñesa, porque, nas súas palabras, «estamos ante unha xoia descoñecida cun gran potencial en canto á dinamización turística e deportiva, que promoverá un impacto moi positivo en toda a comarca».
Ese potencial tamén o ve o alcalde de Santiso, que, ademais, cre que «temos moitas probabilidades de que este proxecto vaia adiante». En efecto, este luns avanzou nel cunha consultora da Deputación.