
Rocigarcía xa ten tendas na Coruña e Betanzos
01 ago 2025 . Actualizado á 10:03 h.En decembro do 2022 pechaba as súas portas o bazar Docobo, un negocio que a familia comezara a rexentar en 1950, pero que xa funcionaba antes de man das irmás Regueral. Aquel oco puido enchelo unha xamonería gourmet, pero as trabas burocráticas fixeron á empresa desistir do proxecto a pesar de avanzar nas obras de acondicionamento do local.
A partir de hoxe, no 74 da Rúa do Vilar, abrirá ao público unha cerería artesanal, Rocigarcía, que onte puido coñecer xa a veciñanza. «Escribímolos en minúsculas», sinala Francisco Porto, que xunto con Rocío Osorio encabeza un proxecto que abriu tenda en Betanzos fai un par de anos, e estendeuse logo á Coruña. Sempre nos centros históricos das cidades onde se asentan, tamén para crear comunidade neses barrios antigos, nunha relación onde faltaba Santiago: «Interesábanos, dentro da nosa expansión, estar na capital de Galicia, e ademais parte do equipo estudamos aquí».
Todo un universo coa vela como protagonista conforma a oferta de Rocigarcía, que pretende ser ademais un punto de encontro da creatividade e a artesanía: de velas aromáticas, con 400 diferentes, ás de cera de abella; con formas de animais, personalizadas; e clásicas, como cirios. Porto apunta a súa especial ilusión por recoller a testemuña do bazar Docobo, convencido de que o pequeno comercio é un dos motores para dotar de vida e personalidade propia aos centros históricos.