O Concello de Santiago reclama aos Franco que asuman o gasto de devolver as estatuas do Pórtico a Santiago
SANTIAGO CIUDAD

Inicialmente instalaranse no Museo do Pobo Galego e se os Franco non asumen o custo, farao o Concello de forma subsidiaria e con reclamación xudicial posterior
22 jul 2025 . Actualizado á 11:46 h.O Concello reclamou á familia Franco que se faga cargo do traslado das estatuas atribuídas ao Mestre Mateo que no seu día formaron parte do Pórtico da Gloria e que o Tribunal Supremo sentenciou recentemente que pertencen ao Concello. Tras o fallo xudicial e a comunicación previa da familia do ditador de que asumían a sentenza, o Concello reclámalles agora que sexan eles quen asuma o gasto de depositalas en Santiago. Segundo os servizos xurídicos municipais, a interpretación da sentenza «é que son eles que teñen que restituílas e poñer as estatuas en Santiago», mentres ao Concello correspóndelle traballar para que ese traslado «se realice con todas as medidas de seguridade e a rapidez que sexa posible». Así llo comunicaron no burofax co que deron resposta a aquel no que os Franco asumían a sentenza.
As pezas de Isaac e Abraham áchanse no pazo de Meirás, desde onde habería que trasladalas, aínda que esa operación precisa unhas medidas de seguridade que ha de establecer o Concello, que está en contacto cos departamentos oportunos do Goberno central e da Xunta para determinar cales son esas condicións e como debe abordarse o transporte con todas as garantías de seguridade, segundo precisou na mañá deste luns a alcaldesa, Goretti Sanmartín.
O Concello darase un «tempo prudencial» para que os Franco respondan. Un tempo que será limitado, porque non están dispostos a aceptar ningunha medida dilatoria. Transcorrido ese prazo, se eles mesmos non asumen o traslado, comunicaráselle á instancia xudicial correspondente que o fará o Concello. E nese caso, precisou a alcaldesa, «logo reclamaremos xudicialmente esas cantidades aos Franco».
«Queremos que as estatuas volvan canto antes», engadiu Sanmartín, «e se hai algún interese dos Franco por demoralo, non imos agardar». En calquera dos casos, xa sexa por propia iniciativa dos Franco ou de forma subsidiaria por parte do Concello, a chegada de ambas as figuras á cidade non será inmediata. A organización e execución do transporte precisará unhas semanas.
O Concello xa ten claro onde se instalarán. Polo menos provisionalmente (a expensas de que a comisión de expertos que se constituirá en setembro para abordar esa cuestión) localizaranse no Museo do Pobo Galego. O goberno local entende que o acto de restitución das estatuas «ao pobo galego» esixe que se instalen nun lugar público, visitable e que «sexa referente da identidade colectiva do país». E o Museo do Pobo Galego «cumpre con eses criterios e ten as condicións técnicas e museísticas adecuadas para coidar deste ben patrimonial ligado xustamente a algunhas das salas pendentes de inauguración».
Sanmartín entende que o pazo de Raxoi non é o espazo adecuado para garantir do todo que sexan visitables, pero o Museo do Pobo Galego garante o vínculo co Concello, porque estarán nun edificio municipal, dixo, como o que acolle dito museo. O Concello conta coa anuencia do Padroado do Museo do Pobo Galego para que se instalen alí. Que esa poida ser a localización definitiva para a súa exposición, dependerá da consulta que o Concello fará a expertos a través da creación da devandita comisión.
No Museo do Pobo Galego, Isaac e Abraham volverán preto de láudaa sepulcral do século XIV que o Concello adquiriu ao conde de Ximonde en 1948 xunto coas dúas estatuas, que acabarían en mans dos Franco tras unha visita de Carmen Polo ao Concello uns anos despois, onde se achaban entón.