A área metropolitana de Santiago recuperou 5.700 toneladas de vidro durante o 2023

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

A capital galega é terceira cidade que máis recicla de España, con 28,2 quilos anuais por habitante

22 abr 2024 . Actualizado ás 14:46 h.

A área metropolitana de Santiago recuperou durante o pasado ano máis de 5.700 toneladas de vidro para a súa posterior reciclaxe. Son datos de Ecovidrio que cifra en 5.737.259 os quilos recolleitos nos 25 municipios que conforman esta extensa área. O maior volume correspondeu a Santiago, con 2.785.483 quilos de vidro recolleitos nos 526 colectores dispoñibles no municipio. Foron 436.965 quilos en Ames ; 106.880 en Arzúa ; 115.780 na Baña; 42.790 en Boimorto ; 131.712 en Boqueixón .

A lista continúa con Brión , 112.500; Dodro, 38.220; Frades, 32.680; Melide, 145.730; Negreira, 151.158; Ordes, 157.930; Oroso, 111.250; Padrón, 277.051; O Pino, 95.790; Rois, 55.980; Santa Comba, 180.420; Santiso, 12.000; Teo, 294.190; Toques, 12.460 quilos; Tordoia, 52.780; Touro, 91.570; Trazo, 48.560; Val do Dubra, 59.500; e Vedra, con 187.880 quilos.

Desde Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España, sinalaron que de media cada galego depositou no colector verde 18,5 quilos de envases de vidro, o que equivale a 63 envases por persoa, e unha cifra lixeiramente por baixo da media estatal (19,2 quilos e 66 envases por persoa). A situación é distinta no caso da capital galega, onde a entidade destacou que «o compromiso dos cidadáns e os hostaleiros de Santiago de Compostela, unido ás operacións intensivas levadas a cabo por Ecovidrio, en colaboración co concello» situou á cidade como a terceira de España que máis recicla, con 28,2 quilos por habitante. Ten por diante a San Sebastián (38,3 quilos por veciño) e a Pamplona (31 quilos por habitante). Santiago está moi por diante das medias provinciais, que foron de 18,3 quilos por persoa na Coruña, 17,6 en Pontevedra, 16,1 en Lugo e 15,5 en Ourense.

Medias na zona

Con menor poboación, pero con excelentes cifras de reciclaxe de vidro destacan varios municipios da área de Santiago. Desta forma, Ecovidrio sinala que Vedra acadou os 37,4 quilos recolleitos por habitante; A Baña chegou aos 34,7, e en Padrón foron 33,2 quilos por persoa. Por baixo de Santiago, pero con cifras moi destacadas tamén, estiveron Touro (27,1 quilos por habitante), Boimorto (23,1), Negreira (21,9) e O Pino (21).

A entidade encargada de xestionar a reciclaxe do vidro apunta á hostalería como alicerce estratéxico para posibilitar estas cifras de recollida, destacando que o vidro admite a súa recuperación ao 100 % «infinitas veces, destinándose á fabricación de novos envases». E destaca os beneficios ambientais da reciclaxe, na loita contra o cambio climático e a descarbonización da economía. Nesa liña, apunta que a reciclaxe de 49.700 toneladas en Galicia o pasado ano evitou a emisión de 39.021 toneladas de dióxido de carbono: é unha cantidade equivalente a percorrer 211.351 veces a distancia entre A Coruña e Barcelona; aforrar 48.051 megawatts hora, que é o consumo enerxético dos hospitais galegos durante dous meses; e evitar a extracción de máis de 80.735 toneladas de materias primas como area, eslamiada e calcaria, un peso que equivale case oito veces ao da torre Eiffel.