PP e PSOE reclaman no pleno de Santiago que se elimine a ORA de Santa Marta

r.m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Afirman que a regulación do aparcadoiro na contorna do Clínico agrava o colapso do recinto sanitario, pero o goberno cuestiona o seu diagnóstico e mantén a medida

21 mares 2024 . Actualizado ás 12:04 h.

A recente implantación da ORA en Santa Marta chegou onte ao pleno municipal de Santiago por dobre iniciativa, do PP e do PSOE. O primeiro presentou unha moción e o segundo, unha proposición, aínda que ambas as co obxectivo común de demandar ao goberno que «rectifique» e retire a ORA implantada nas últimas semanas na contorna do Hospital Clínico. Así llo pediu o pleno ao goberno cos 17 votos que suman ambas as formacións (11 o PP e 6 o PSOE), aínda que este xa deixou claro que non ten ningunha intención de facelo. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro (Compostela Aberta), non se negou a introducir algunha modificación se fose necesario, pero non por que o demande a oposición, senón se así se concluíse dos datos. E, de momento, non só defende que estes demostran que a rotación que se perseguía coa medida funciona, senón que entende que se precisaría máis tempo para sacar valoracións sobre se a medida require algún axuste.

Eliminar vehículos ventosa

Duro xustificou a ORA na zona na necesidade de evitar a ocupación desas prazas por vehículos ventosa (os que aparcan e non se moven en días), para procurar espazo e asegurar a rotación para os usuarios do Clínico, pero PP e PSOE só ven que esta agravou a situación do colapso que xa vive o aparcadoiro do Clínico. Eses coches ventosa agora trasladáronse ao propio recinto hospitalario, denunciaron o popular Adrián Villa e o socialista Gonzalo Muíños, coincidentes no seu diagnóstico, aínda que non tanto ao sinalar a motivación do goberno para implantala. Aínda que entende que este se equivocou, Muíños non comparte a lectura do afán recadatorio e o «tarifazo» que expón o PP, que ve na iniciativa unha «nova improvisación» dun executivo ao que acusou de gobernar de «forma covarde», porque non só busca «recadar» cun sistema de aparcadoiro que o BNG dicía «que quería eliminar» no seu programa electoral, senón porque, ademais «de amolar ao comercio e aos veciños, tira o balón ao recinto do CHUS», segundo Villa .

«Eu non respondo do programa electoral do BNG, senón da acción de goberno do bipartito participado polo BNG e CA», replicoulle Duro, aínda que Muíños insistiu na crítica. «Os vehículos ventosa non desaparecen, senón que se trasladan ao CHUS», dixo o socialista, quen pediu ao goberno que elimine a ORA na zona e negocie coa Xunta un aparcadoiro para o Clínico. Muíños asume que seguramente ese non era o resultado que pretendía o goberno, pero «non se preocuparon de estudar» a situación, dixo, mentres que o PP acusou o executivo de rexeitar o proxecto de aparcadoiro da Xunta para o recinto só porque «é o que presentou Verea na campaña». Duro, que cuestionou os datos da oposición sobre a incidencia da medida no recinto sanitario, acusou ao PP de «populismo», defendeu que se implantou a ORA «cos datos na man», lembrou que o goberno demanda unha solución integral para o aparcadoiro do Clínico e rexeitou que exista conflito cos veciños pola ORA.