Santiago suma seis novas illas para compostaxe

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

CEDIDA

Están situadas nas rúas Volta do Castro, Mónaco e Federica Montseny, e a contorna dos parques Eugenio Granell, O Vieiro e San Lázaro

15 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

As rúas Volta do Castro, Mónaco e Federica Montseny, e a contorna dos parques Eugenio Granell, O Vieiro e San Lázaro son as localizacións das seis novas illas de compostaxe comunitaria instaladas polo Concello. O edil de , Sustentabilidade Ambiental Xesús Domínguez, visitou este xoves una delas, a situada na rúa Federica Montseny, onde os veciños poden depositar residuos orgánicos para o seu uso como compost. Con estas seis illas, Santiago dispón xa de 10 de libre acceso para todos os veciños que queiran facer uso delas. Así, as novas súmanse ás que xa estaban operativas en Galeras, O Romaño, Salgueiriños e Santa Marta.

Ademais, o Concello ofrece aos veciños a opción de instalar novos depósitos próximos aos seus domicilios co propósito de achegar a reciclaxe aos cidadáns. Para iso, só deberán cubrir o formulario na web santiagosostible.gal e a súa proposta, indican desde Raxoi, será estudada para futuras actuacións nese ámbito.

Na súa visita á illa da rúa Federica Montseny, Xesús Domínguez destacou que «no último ano xa foron usadas nos xardíns municipais arredor de 7 toneladas de compost». Domínguez resaltou que este dato «demostra un claro exemplo do noso compromiso coa economía circular, a materia orgánica que se volve a usar como abono para volver a producir materia orgánica».