Santiago premia o feminismo e as homenaxeadas agradecen o legado recibido

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

Sandra Alonso

Baixo o lema «Abrandares de Compostela» o Concello organizou o primeiro acto do 8M

08 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Santiago iniciou onte á noite a súa programación do 8M coa entrega de premios a trece mulleres con perspectiva feminista e que nos seus ámbitos persoais e laborais son referentes para a cidade. Baixo o lema «Abrandares de Compostela» recoñeceuse a Jaione Camborda, directora da película «O Corno» e gañadora da Concha de Ouro do festival de San Sebastián . Tamén á escritora Yolanda Castiñeiro, Premio Nacional de Poesía 2023; ao grupo Leilía; a María Jesús Lamas Díaz, directora da Axencia Española de Medicamentos; a Nanina Santos Castroviejo, historiadora e pioneira feminista; e a Maribel Martín, vicepresidenta do Casino de Santiago e impulsora do Premio San Clemente. En representación do tecido comercial de Compostela premiouse o traballo de Julia López, activa aos seus 90 anos no negocio familiar Fotos Sandine; e a María Pereira, xa xubilada e que durante 35 anos rexentou o establecemento Dosel.

O acto estivo cargado de emotividade e de discursos feministas, reivindicando todas as homenaxeadas o papel que desempeña nas súas vidas a súa vinculación con Santiago, algo no que coincidiron tanto compostelás de nacemento como de adopción. 

Aposta polo local

O dúo Caamaño&Ameixeiras achegou a súa música ao acto obtendo como regalo o recoñecemento de Leilía, cuxas integrantes destacaron que o seu principal mérito fora ser portadoras do saber doutras mulleres de Compostela e que agora elas entregaban a testemuña a grupos como o dúo que forman Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz). Entre os discursos destacaron os de Jaione Camborda, que recoñeceu o seu amor por Santiago, mentres que María Pereira pediu á cidade que reforzase a súa aposta polo comercio local, un tipo de establecementos que tamén representa outra homenaxeada, Julia López, que como anécdota lembrou o día en que decidiu coller unha cámara, ata hoxe.

Nanina Santos lembrou os logros do movemento sen esquecer o camiño que queda por percorrer. E Rosa Aneiros, condutora do acto, tamén lembrou ás Marías. A rexedora, Goretti Sanmartín, pechou o acto recitando un texto que Yolanda Castaño escribiu para Leilía: «Miña irmá, miña irmá, miña amiga (...)/dáme a man e faremos cordada».