A USC afianza o seu plan investigador tras o respaldo de axudas Marie Curie a 9 proxectos

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Obtivo o segundo posto a nivel estatal nesa convocatoria, tras a Universidade de Granada

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Universidade de Santiago (USC) impulsa a súa política no ámbito da investigación coa captación de recursos en convocatorias de I+D+i altamente competitivas. Así, ao cuarto posto acadado en número de axudas Ramón e Cajal no 2022, engádese agora o segundo posto a nivel estatal na última edición das axudas Marie Sklodowska Curie Postdoctoral Fellowships 2023, outorgadas no programa Horizonte Europa. Foi, coa Universidade de Granada, a universidade pública con maior éxito, ao resultar seleccionadas nove propostas da institución compostelá (oito en modalidade europea e unha na global), das 25 presentadas; ademais, outras dúas están en reserva. O Ciqus recibirá seis axudas, e unha para Cretus, Igfae e Citius.

Desde a USC sinalan que este liderado contribúe a reforzar o posicionamento da institución no contexto galego, clave para a mellora na asignación de recursos do plan de financiamento condicionados aos resultados no ámbito da investigación, como son os referidos a captación de recursos humanos e financeiros, que chegaron a triplicar os indicadores nos últimos seis anos.

Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica, di que a USC seguirá apostando por políticas de promoción de talento, tanto en retención como en captación, e en fortalecer as súas estruturas de investigación.