O bono social eléctrico beneficia a 6.153 familias da área de Santiago

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

Sandra Alonso

A cifra creceu un milleiro en dous anos, pero está por baixo de antes da pandemia

03 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O bono social eléctrico acada en Santiago e os 24 municipios da área metropolitana a 6.153 familias. A cifra supón un incremento próximo ao milleiro de beneficiarios rexistrados en xaneiro do 2022, cando eran 5.172 as familias que tiñan recoñecido na zona o seu dereito ao desconto na súa factura eléctrica. Son números flutuantes porque tamén varían os requisitos que establece o Goberno estatal para acollerse a esta medida, que busca protexer a colectivos de consumidores económica ou socialmente vulnerables. Así, por exemplo, o bono social ampliara tras a crise económica derivada da pandemia do coronavirus como beneficiarios a traballadores afectados por un ERTE ou a empresarios que por coidados ou causas similares visen reducida a súa xornada laboral con perda substancial de ingresos.

O número de beneficiarios na área metropolitana de Santiago creceu entre xaneiro do 2022 e o do 2024 na totalidade dos municipios. A situación é distinta se se compara coas cifras do 2019, o exercicio anterior a que se desencadease a pandemia do covid-19. Entón eran 6.739 os fogares beneficiados por estes descontos, preto de 600 máis que na actualidade. O descenso é xeneralizado, coa excepción de catro concellos: Ames, que gaña 17 fogares con bono social eléctrico (747 hoxe); A Baña, onde subiu a cifra en 21, ata 142; Boqueixón, cun incremento de 16, que deixan o número en 90; e Negreira, con 17 de aumento e un total de 246 fogares.

No municipio de Santiago os beneficiarios son 2.071 fogares, e tras os 747 de Ames están os 443 de Teo, 294 de Padrón , 246 de Negreira, 244 de Ordes , 242 de Arzúa e 225 de Brión. Nos demais municipios, están xa por baixo das 200 familias.

Son cifras que tenden a estabilizarse, despois da caída en picado que supuxo a principios do 2018 a desaparición do bono social eléctrico a quen tivesen contratada unha potencia máxima de 2,3 quilowatts, sen ter en conta a súa renda económica. Naqueles momentos, achegábanse a 20.000 (eran 19.862) os fogares beneficiarios do bono, cifra que se reduciu no 2018 a unicamente 4.364 fogares.

É o volume de beneficiados co bono eléctrico entre os clientes de Naturgy , a principal comercializadora de electricidade na zona. É ás comercializadoras a quen se solicita o bono, pero é o Ministerio de Transición Ecolóxica quen debe aprobalo, para lograr desconto nunha subministración que no 2022 non puideron pagar en data 4,3 millóns de titulares en España.

Uns descontos que acadan ata o 80 % e que se prorrogarán ata o 30 de xuño

O principal beneficio para quen gozan do bono social eléctrico é o desconto nas facturas da luz, que tamén variou no tempo. É un 25 % para consumidores vulnerables, pero excepcionalmente acada o 65 % ata o próximo 30 de xuño; os vulnerables severos ven tamén duplicado o seu desconto, ao pasar do 40 % ao 80 % ata esa mesma data.

Hai máis vantaxes para os beneficiarios. Así, contan cun período máis prolongado para facer fronte ás facturas impagadas que os demais consumidores: tras un período de 4 meses desde a primeira notificación de falta de pagamento, poderá aplicarse a subministración vital durante seis meses, tras o que poderá cortarse a subministración, fronte ao prazo xeral de dous meses desde a primeira notificación de falta de pagamento que rexe para os demais consumidores.

Entre as condicións requiridas para acollerse á medida está ter contratada tarifa de mercado regulado, nun bono que se aplica só á vivenda habitual. É determinante o nivel de renda, con distintos tramos esixidos en relación ao Iprem. Mantéñense casos á marxe dese indicador: as familias numerosas, que poden gozar do bono social eléctrico sen ter en conta os seus ingresos; os pensionistas que reciban as prestacións mínimas; e os fogares en que o consumidor ou algún membro da unidade de convivencia perciba o salario mínimo vital.