Xulgan a dez persoas acusadas de distribuír droga na área de Santiago

Xurxo Melchor
Xurxo Melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

La sede de los juzgados de Santiago, en el barrio de Fontiñas
A sede dos xulgados de Santiago, no barrio de Fontiñas PACO RODRÍGUEZ

A Fiscalía pide 14 anos de prisión para o procesado que presuntamente entregou un quilo de cocaína a outros dous para a súa venda

13 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fiscalía pide penas de ata 14 anos de cárcere para dez persoas ás que acusa de distribuír drogas, especialmente cocaína e haxix. Principalmente, operaban presuntamente en  Santiago e Bertamiráns (Ames), aínda que a Policía Xudicial da Policía Nacional tamén lles seguiu a pista pola Coruña, Cambados e Culleredo durante a investigación que levaron a cabo desde o mes de decembro do 2017 e ata xaneiro do 2020.

Entre os dez acusados figuran algúns con motes como Toto, Pistachín, Facha, Luchi e Jeff. Segundo a acusación pública, o 18 de abril do 2018, un dos acusados entregou a cambio de diñeiro a outros dous un quilo de cocaína que eles, presuntamente, ían encargarse de vender en cantidades máis pequenas.

Tras as detencións levadas a cabo e os rexistros domiciliarios practicados apareceron cantidades de droga e diñeiro en efectivo, entre outros efectos que apontoan a acusación.

Ao acusado de entregar un paquete dun quilo de coca a Fiscalía pídelle oito anos de cárcere e 59.000 euros de multa por narcotráfico e outros seis e 2.233.571 euros de sanción polo de branqueo de capitais. Outros oito anos e multa de 116.643 euros solicita para outro dos dez procesados, mentres que outro se enfronta a seis anos. Dos outros sete, a dous reclámanlles sete anos e a outros dous catro anos e nove meses, todos por tráfico de drogas. O sétimo enfróntase a cinco anos e tres meses, mentres que a Fiscalía pide dous anos e nove meses para os outros dous, aínda que a un lle engade un ano e dez meses máis por tenencia de armas.