Adaptan ao galego actual as «Cantigas de Santa María» de Afonso X o Sabio

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

A catedrática da USC Elvira Fidalgo é a encargada tanto da primeira tradución ao castelán como ao galego das 427 cantigas

09 ene 2024 . Actualizado ás 15:28 h.

O grupo de investigación de Románicas da Universidade de Santiago traballa nunha nova edición crítica das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, que estará acompañada dunha adaptación ao galego actual. «As Cantigas estaban en galego medieval, e o que hai que facer é adaptalas ao galego moderno», asegura Elvira Fidalgo, catedrática de Filoloxía Románica e responsable deste traballo. O obxectivo é «facelas atractivas, que a lectura dea ganas de continuar con elas, non que sexa un obstáculo. Trátase de dar a coñecer esta obra tan importante e única das nosas letras. Entón, é facelas, como se di agora, máis amigables», apunta a experta.

Recentemente, Elvira Fidalgo xa realizou a tradución completa destes textos ao castelán, que están dispoñibles na web da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. No caso da edición e a adaptación ao galego moderno estará accesible na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, entidade que tamén colabora neste proxecto. Trátase, segundo apunta a investigadora, da primeira vez que se realiza a tradución completa das Cantigas, tanto ao castelán como ao galego. No caso da tradución ao castelán, a catedrática de Filoloxía Románica xa acometera no 2011 case a metade delas, unhas duascentas, pertencentes ao Códice Rico. «Despois de facer iso, animeime a continuar coas máis de duascentas restantes. Son textos moi longos, xa que hai cantigas de 70, 80, 90 ou ata 130 versos», detalla Elvira Fidalgo. No galego, engade, tamén se adaptaran con anterioridade algunhas delas, pero non a colección completa. Agora, este traballo en marcha estará con todas as normas ortográficas do galego actual, incluíndo a acentuación —«normalmente non levan os acentos»— coa finalidade de «facilitar a comprensión e a lectura» tamén por parte de persoas que non son especialistas e estudantes de bacharelato.

Ademais, cada unha das cantigas editadas en galego actual irá acompañada da súa correspondente transcrición paleográfica, o que permitirá coñecer como se copiou ese texto en cada un dos manuscritos, con que trazos ortográficos e caligráficos. Isto, segundo salienta a catedrática da USC, será de grande interese e utilidade, tanto para os investigadores e estudosos coma para calquera lector, xa que poderá obter información moi diversa que se extrae das composicións, como pode ser a explicación dos topónimos e da súa importancia no texto, referencias a personaxes históricos, casuísticas sociais particulares ou termos arcaicos.

Fidalgo, que leva máis de tres décadas estudando as Cantigas de Santa María, explica que, aínda que é imposible identificar os trobadores que participaron na súa confección, está convencida de que algunha saíu da man do propio Afonso X.