Unha miss desfilando, da mañá á noite, polos corredores do CHUS

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Iris pasou das pasarelas de Bangkok a facer ata 14 horas de xornada no hospital para acabar o rotatorio e grao de Enfermería

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai cinco semanas estaba sobre a pasarela en Bangkok, representando a España en Miss Grand International. E agora Iris Miguélez desfila, da mañá á noite, polos corredores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A modelo de Vila de Cruces explica que a súa volta á realidade tras o soño de Tailandia está a ser dura, pero moi gratificante. Ten que recuperar en tempo marca as horas que non puido realizar para competir no certame de beleza. «A miña casa agora é case o hospital. Algún día paso ata 14 horas alí, pero estou a aprender moito e gozo co que fago», asegura con voz doce unha nova acostumada pelexar polas súas metas, que chegou a ser campioa nacional de loita libre, deporte que deixou por mor dunha lesión. A USC permitiulle retomar as prácticas ao seu regreso e conta, orgullosa, que estas «se acaban oficialmente o 16 de maio e eu só vou tardar unha semana máis que o resto en rematalas, a pesar de ter estado dous meses fóra».

Tivo que redobrar esforzos, recoñece: «Ter un día libre desde para min é rarísimo, desde que volvín. Polas mañás estou na unidade de Psiquiatría e polas tardes en Rea (Reanimación). E, para a semana, empezo en Obstetricia». O seu aspecto non pasa inadvertido para os pacientes: «Venme unha moza alta e chan ir arranxada, aínda que vaia ao hospital. Xa antes me preguntaban se era modelo polo simple feito de medir 1,74 e agora máis. Eu pensei que ninguén ía coñecerme polo título de Miss Grand Spain, pero resultou que si». Á marxe das anécdotas do día a día e do cansazo acumulado, Iris queda coa sensación de satisfacción ao final de cada xornada: «Gozo axudando aos demais e facendo todo o que poida para que a xente se senta mellor, pero en todos os ámbitos, non só no hospital. E gústame pensar que estou facendo as cousas ben e que sirvo para isto, porque ao final tes que saír de aquí lista para dedicarche profesionalmente á enfermería». A crucense de 23 anos di que facilitou todo atoparse cun «equipo de xente incrible» no CHUS.

Lembra as dúas semanas de confinamento estrito que tiveron que superar en Bangkok as misses e asegura que lle custou máis «o de durmir só dúas ou tres horas diarias e ter que estar todos os días de domingo». O día 9 volverá a Sevilla e desde alí viaxará a Gran Canaria para asistir do 11 ao 17 á elección da nova Miss Grand Spain. Se volvería presentarse a un certame? «Non me pecho a nada nunca, pero é unha experiencia dura. Se se presenta a oportunidade, só pido ter tempo para prepararme e loitar por unha boa posición, porque hai quen empeza un ano antes do desfile».

Bachareis excelentes

Cun gran nivel han comezado as exposicións dos traballos finais do bacharelato tecnolóxico (STEMbac) no colexio Compaña de María. Fátima Vilar Fraga, Carmen Vilar Fraga, Miguel Manrique Fernández, David Miguel Canitrot, Sofía Hermann Ferreiro, Montserrat Signorini Montero e Juan Pena Fernández defenderon investigacións realizadas con orientación das facultades de Historia, Física, Matemáticas e Medicina , no Ciqus e o Cimus, e na Escola Técnica Superior de Arquitectura.

PACO RODRÍGUEZ

Visitas guiadas

Santiago segue aínda baixo mínimos no que a turistas se refire, e por iso ver ao guía turístico Carlos Guerra contando as súas historias a un reducido grupo de visitantes chama máis a atención. O guía luciu onte ataviado cun sambenito, como vestía Solomon Meier, un sabio home xudeu de orixe alemá que chegou a Santiago a finais do século XVIII. Guerra mostra Compostela aos visitantes a través dun itinerario no que mestura os detalles históricos e artísticos con anécdotas de personaxes e outras curiosidades.