As asociacións de dano cerebral galegas premian á Facultade de Odontoloxía de Santiago

J. G.

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

Distinguen o traballo da unidade de pacientes con necesidades especiais do centro universitario

21 ago 2019 . Actualizado ás 18:02 h.

A Federación Galega de Dano Cerebral concede o seu premio anual á unidade de odontoloxía para pacientes con necesidades especiais da Facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago. Entregarallo o 28 de setembro nunhas xornadas que organiza en Santiago. O galardón leva o nome de Miguel Blanco , en homenaxe ao falecido neurólogo do Hospital Clínico, que se implicou na asistencia ao ictus, a principal causa de dano cerebral. A distinción, que se concede por sétima vez, salienta nesta ocasión o labor do devandito unidade asistencial, que dirixe Pedro Diz Deus, catedrático de odontoloxía, e que funciona desde 1992.

Fegadace intégrana as asociacións de dano cerebral adquirido de de A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago. A entidade ten como fin principal apoiar ás persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade causada principalmente por ictus e como consecuencia de accidentes, en especial de tráfico.

A xunta directiva de Fegadace sinala que co premio deste ano pretende recoñecer «o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde».

A unidade que dirixe Pedro Diz Deus «naceu para paliar a especial vulnerabilidade e risco para a saúde dental que teñen as persoas con discapacidade, garantindo o acceso a unha correcta hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades», agrega.