A AP-9, máis preto para 25.000 veciños

La Voz

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

En dez meses a ligazón do Gaiás recortará ata 4 quilómetros as rutas de acceso a Sar e Fontiñas

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O serpenteante trazado da AP-9 ao seu paso por Santiago gañará en permeabilidade a partir de febreiro do 2019, cando finalicen as obras no punto quilométrico 70 que facilitarán a construción do acceso entre a principal arteria de Galicia e o Gaiás, que custa 3,36 millóns de euros. O taboleiro sobre o que circularán os vehículos xa se executou durante os traballos de ampliación da autoestrada, e agora só resta construír os viarios de ligazón para poder realizar os catro xiros posibles, que desembocarán nas dúas rotondas que ordenan o tráfico no complexo cultural e administrativo. A ponte ten catorce metros de ancho, o que permitirá habilitar tres carrís reversibles (2+1 ou 1+2) que darán maior axilidade ao tráfico en caso de eventos multitudinarios no Gaiás ou mesmo no Multiusos de Sar, no que desemboca a avenida Manuel Fraga Iribarne.

Pero a actuación ten un calado cidadán de incidencia diaria que transcende a estes usos máis puntuais. A AP-9 deseñouse orixinalmente como un tramo libre de peaxe e con tres accesos a Santiago: San Lázaro-norte (quilómetro 67), Ourense-Centro (72) e Milladoiro-Sur (75). Gaiás-Centro, que é como se vai denominar o nó do quilómetro 70, situarase a medio camiño entre os dous primeiros, que estaban separados por cinco mil metros, e vai facilitar os tempos e os percorridos en barrios tan populosos de Santiago como Fontiñas, Sar, o bordo sur do Ensanche ou o acceso ao centro histórico por Concheiros, que reúnen a uns 25.000 veciños, segundo os datos estatísticos do Concello de Santiago.

O barrio de San Lázaro é o outro gran beneficiado. É a entrada do Camiño Francés, espazo de numerosas dotacións públicas e tamén é un dos dous nexos entre a AP-9 e o periférico (SC20), pero a recente ampliación da autoestrada non mellorou a súa capacidade para asumir tráfico. Os técnicos de Fomento creen que co novo acceso San Lázaro quedará máis liberado e sen atascos en horas punta, á espera do quinto nó ?o orbital? que se completará á altura da autovía de Lavacolla e das zonas industriais do norte da cidade.

O aforro en tempo e diñeiro para os veciños das zonas citadas será notable. Un exemplo: para acceder a Santiago se se viaxa desde o sur en sentido A Coruña e co obxectivo de chegar a Área Central é necesario percorrer algo menos de seis quilómetros a través do nó de San Lázaro. En dez meses, esa distancia reducirase a 1.600 metros sen un só semáforo no camiño. Se o acceso elixido na actualidade é o de Ourense, percórrense ata o mesmo destino sete quilómetros, que co novo acceso do Gaiás converteranse en só 3.600 metros.

Os dez meses de execución serviranlle ao Concello de Santiago para exporse melloras nos viarios dos barrios que van ver incrementados os seus tráficos, con todo o que supón. As pequenas rotondas que distribúen a circulación na contorna do Multiusos de Sar van funcionar arreo, e as xornadas con eventos deportivos ou espectáculos obrigarán a repensar os dispositivos e as restricións.

O alcalde xa ten en conta esas incidencias e xa expresou a súa disposición a estudar os efectos sobre estas vías secundarias. Martiño Noriega declarouse «satisfeito» cos compromisos de Fomento en materia de comunicacións, e o propio Íñigo da Serna puxo en valor o esforzo do seu departamento: «Poucas cidades en España teñen os investimentos de Santiago nestes momentos», asegurou o ministro.