Un adulto e un menor, evacuados en ambulancia do corredor de Brión-Noia tras envorcar o coche en que viaxaban

La Voz SANTIAGO

ROIS

CEDIDA

Ata o punto quilométrico 19 acudiu un helicóptero e catro ambulancias, aínda que fontes do operativo afirmaron que os feridos estaban conscientes

06 may 2024 . Actualizado ás 18:46 h.

Un susto que puido acabar en traxedia foi o que ocorreu este domingo, ás 14.40 horas, no punto quilométrico 19 da CG 1.5, viaria coñecido como o corredor entre Brión e Noia. Alí, un vehículo que circulaba á altura do termo municipal de Rois saíuse da estrada, envorcando e quedando atrapados os seus dous ocupantes. A alerta mobilizou a un amplo dispositivo de urxencias, no que se incluía o helicóptero H3, catro ambulancias e profesionais do GES de Brión, Bombeiros de Boiro, Protección Civil de Lousame e Garda Civil de Tráfico. 

Segundo fontes dos equipos que actuaron na zona, no coche viaxaban un adulto de mediana idade e un mozo menor de idade, que foron trasladados ao Hospital Clínico de Santiago en dúas ambulancias diferentes. Finalmente o helicóptero non tivo que actuar, aínda que os seus profesionais si participaron nas tarefas de evacuación. Tal e como apuntaron as mesmas persoas, os dous feridos estaban conscientes e, a priori, as súas vidas non corrían perigo, a pesar do brutal susto.