O obxectivo de Fruqui dispara ao Obra

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ROIS

PACO RODRÍGUEZ

Saca unha media de mil fotos por partido e ten xa máis de 150.000

08 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Como José Rodríguez Frutuoso pasa máis inadvertido, como Fruqui, non tanto. As súas fotos do Obradoiro precédeno. Unha media de mil en cada partido. Máis de 150.000 gardadas en tres discos ríxidos. Algunha escápaselle, pero son excepcións as canastras que non teñen a súa correspondente instantánea. Ve os partidos a través do obxectivo do seu cámara, cada encontro debuxa unha fotocrónica, a fórmula que escolleu para fusionar as súas dúas paixóns, o baloncesto e a fotografía.

De mozo practicou o deporte da canastra. «Fun xogador tardío -comenta- que empezou con 16 anos no equipo do seu pobo, Pontecesures». Lembra un dos seus primeiros partidos, «no vello pavillón de Sar, fronte aos xuvenís do Obradoiro».

Esa etapa de curto e a pé de pista non tivo moito percorrido e non tardou en penetrarse nos cursos de adestrador. «O primeiro fíxeno en Rois, no 89. Estaba subvencionado pola Deputación -apunta- e entre os que o impartían había xente do Obradoiro como Pepe Casal e o preparador físico, José Andrés». quedou no nivel autonómico e recoñece que a titulación superior é unha materia pendente que non dá por perdida.

De principios dos noventa datan tamén os seus inicios como espectador dun Obradoiro «no que estaban Javier Lorenzo, Tonecho, Chete, que era júnior... Daquela ía sen cámara».

O cambio dixital

E a finais desa década comezou coa fotografía. «As primeiras foron co equipo de meu pobo». A revolución dixital abriu unha nova etapa: «Un ano antes de que o clube debutase na ACB estreei a primeira cámara reflex dixital». E cando o Obradoiro regresou á elite, Fruqui abonouse con varios amigos. Ía co seu obxectivo. Mantén ese asento e ese carné, aínda que agora vive e retrata os partidos a pé de pista.

Ao principio, con todo, só tiña un encadre, desde a súa butaca. E, curiosamente, a súa estrea nun parqué non foi no de Sar senón no de Illunbe, ante o Gipuzkoa Basket. «Ao terminar -rememora- cruceime con Alberto Blanco (entonces director deportivo del Obradoiro), a quen coñecía. Sorprendeuse ao verme alí e ao comentarlle o que fixera. Animoume a que probara en Sar». Meu dito meu feito. Non puido escoller mellor debut en casa que o soado partido ante o Joventut entón adestrado por Sito Alonso. O Obradoiro foise máis aló dos cen puntos nun dos días de éxtases en Sar.

Foi unha campaña «de moitas fotos, bastante desastrosas». Tamén foi un curso de reafirmación: «Tiña claro que, aínda na LEB, ía renovar o abono».

Antes de que comezase esa tempada, nunha conversación con Tonecho Lorenzo, lenda viva do club, xurdiu a idea de pór en marcha o blogue obradoirobasketfoto-fru. «Arranquei coa LEB empezada, un 30 de setembro de 2010, cun chimpo de Deron Washington», precisa.

Xa non houbo marcha atrás. Todo o contrario. Empezou con 500-600 fotos por partido. Despois repartiu cada contenda en metades. Agora a media está na contorna das mil fotos por encontro e cada cuarto ten o seu despezamento. Son excepcións os días que non se lle ve a pé de pista: «Fallei a dous partidos e outros dous collinos empezados».

En ocasións, sortea entre os seguidores do blogue fotos asinadas polos protagonistas ou cousas que lle ceden os xogadores ou o cadro técnico. Entre outras, «a mítica xeonlleira de Oriol, un silbato de Moncho, a camiseta de La Onza de Oro coa que Chete celebrou o ascenso en Raxoi, zapatillas de deporte... A complicidade que amosan e moi de agradecer». Desde aquel 10 de outubro de 2010 van alá uns cantos sorteos, 1.351 entradas publicadas e máis de 150.000 fotos.