San Benito en Padrón: Menos aves, pero a mesma fe e devoción

redac.santiago@lavoz.esuxí lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

UXIA LOPEZ

Os fieis manteñen a peculiar tradición de dar esmola ao santo do convento padronés

12 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O convento franciscano de Herbón, en Padrón, celebrou onte a festividade de San Benito, incluída a tradicional poxa de pitos, que é o modo máis vistoso que teñen os fieis de amosar a súa devoción ao santo milagreiro. Como sucedeu o día de San Antonio (13 de xuño), onte tampouco puido saír a procesión polo orballo que mollou a pedra das escaleiras de acceso á igrexa, polo que a poxa comezou pasada a unha da tarde no zaguán do convento, onde tamén actuou a Banda de Música Municipal de Valga.

Onte mesmo e algún día previo, os fieis levaron os pitos e galos ao convento para ser poxados, unha tradición que vai a menos polo que a cantidade de aves tamén o é cada ano. Menos pitos e tamén menos público na poxa, aínda que os que acoden son dos que participan e dos que soltan o carto.

Un ano máis, o popular veciño da parroquia Daniel Alexandre Vecino, máis coñecido como Pinto de Herbón, puxo voz á poxa e fíxoo, como é natural nel, de maneira moi animada e entretida. Para iso, subiuse á mesa de pedra do zaguán, onde arrancou a poxa cunha parella de pitos a 5 euros, que acabou adxudicada por 30, aínda que a cifra máis alta pagada nun par de ocasións foi de 40 euros.

O curioso da poxa de pitos de San Benito é que, con moita frecuencia, o que ofrece o prezo máis alto non se queda coa peza, que volve a ser poxada unha, dúas, tres ou incluso máis veces, mentres un frade vai anotando nun caderno a cifra final.

«Estes sonlle bos», díxolle o Pinto a unha das persoas que levou unha parella de pitos. «Así me gusta, que non se achique», afirmou en alusión a outro que subiu o prezo para levar outras aves. «Teslle gañas ao polo», sinalou o Pinto cando un fiel subía o prezo dunha das pezas. Á hora da poxa, a maior parte dos asistentes son veciños da parroquia, polo que é posible ver como as novas xeracións de Herbón participan na actividade e fan as súas propias apostas, mantendo así a tradición e a supervivencia da poxa.

Tamén asistiron persoas do resto do concello e doutros lugares, como Rois, que foron expresamente a poxar polos pitos de San Benito.

Entre os devotos que doaron aves ao convento, neste caso uns bos galos, e logo tamén participaron na poxa, está o veciño de Herbón Suso Martínez, máis coñecido como Susi. Ofreceu ao santo unha parella de bos galos, «dos criados na casa, non comprados», dixo, e tamén puxou para el e por encargo para outra veciña da parroquia, neste caso exemplares máis pequenos co fin de crialos. Finalmente, un dos galos de Suso Martínez acabou nas súas mans ao ser o maior poxador, pero xa advertiu que ía de volta para a casa, pero para «a pota». Para quen non puido ou non quixo participar na poxa e si expresar a súa devoción ao San Benito de Herbón, máis alá de asistir á un acto relixioso, puido encargar misas, mercar velas ou algunha das pezas relacionadas coa imaxe, que estaban á venda nun posto instalado a un lado da fachada da igrexa.