
Asegura que é o segundo ano que fai un traballo que lle corresponde ao goberno autonómico
18 jun 2025 . Actualizado á 13:05 h.O Concello de Padrón informou de que acaba de limpar as beirarrúas nos núcleos urbanos da estrada AC-242 «ante a pasividade da Xunta, que é a titular da estrada que vai da Matanza ata Carcacía, pasando por Herbón», segundo explica a concelleira de Obras, Ana Castro. Engade que é o segundo ano que o Concello realiza a limpeza manual desas zonas, retirando a maleza e as herbas das beirarrúas nos núcleos habitados da estrada.
Ana Castro lembrou que fai uns poucos meses volveu solicitar por escrito á Xunta que limpase ese tramo, ««pero non fixo caso. Son numerosas as queixas que recibimos da veciñanza. A pasividade da Xunta é total. Levamos dous anos asumindo dende o Concello un traballo que lle corresponde ao goberno autonómico», asegura a edila. «A Xunta de Galicia é a titular da AC-242, a estrada autonómica máis grande que pasa polo noso concello e está totalmente abandonada»”, afirma Ana Castro.
Para a limpeza, este ano o Concello conta con dous equipos de persoal a pé con rozadora, ademais de dous tractores, que traballan de forma simultánea en distintos puntos do municipio. Desde o goberno local sinalan que o plan de roza e limpeza contribúe a mellorar a seguridade viaria e a facilitar a mobilidade, ademais de contribuír ao coidado e conservación da paisaxe rural.
O Concello tamén lembra que é obrigación dos veciños manter limpas as súas leiras e os lindes con camiños públicos e que este tipo de actuacións son fundamentais para previr incendios, evitar a obstrución de vías e mellorar a seguridade, tanto para peoas como para vehículos.