
Suman preto de 20 quilómetros do Sar e de varios regachos, nos que retirará árbores caídas e biomasa, fará rozas puntuais e eliminará especies invasoras, todo iso para posibilitar a circulación fluída das augas
06 may 2025 . Actualizado á 13:15 h.A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, informou de que está a executar actuacións de conservación e mantemento en oito tramos de río que suman preto de 20 quilómetros nos municipios de Rois e Padrón.
As tarefas, que se desenvolverán en varias parroquias destes municipios, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar obstrucións, na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles, así como na eliminación de especies exóticas invasoras presentes na contorna.
Os traballos, que foron notificados aos Concellos, prolongaranse durante ao redor de 25 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motosierras e rozadoras á vez que se contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como unha carretilla de carga, un tractor e un camión.
A primeira fase destas actuacións céntrase en máis de 12,2 quilómetros do río Sar ao seu paso por distintas parroquias dos concellos de Rois e Padrón. O segundo tramo máis importante no que se vai a actuar suma 1,5 quilómetros no regacho de Tarrío ao seu paso polas parroquias de Santa María de Cruzamentos e Santa María de Iria Flavia, en Padrón. O terceiro incide en algo máis de 1,4 quilómetros do río Rubial ao seu paso polas parroquias de Santo Tomé de Sorribas (Rois) e Santa María de Cruzamentos, en Padrón.
A maiores, intervirase en máis de 1,3 quilómetros no regacho de Estramundi, en Padrón; en algo máis dun quilómetro no río Agra de Lamego, na parroquia de San Lourenzo de Seira; en máis de 800 metros no arroio de Abelenda, na parroquia de Iria- Flavia de Padrón; en 540 metros nun arroio sen nome desta mesma parroquia padronesa e en algo máis de 500 metros no arroio de Castrelo, na parroquia de Santa María de Herbón.
Unha vez finalizadas as obras programadas por Augas de Galicia, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas, algo que veñen reclamando desde hai anos os veciños residentes nas zonas polas que pasan estes tramos fluviais.