Tomás Pombo ascende desde a canteira ao primeiro equipo do Padronés Cortizo

PADRÓN

O ciclista de Carballo debutará como sub-23 tras brillar a última campaña na escuadra júnior
23 ene 2025 . Actualizado á 20:23 h.O Padronés Cortizo confirma o ascenso de Tomás Pombo á súa escuadra amateur. O ciclista de Carballo convértese no quinto reforzo para esta tempada. Tomás Pombo (Carballo, 2006) dá o salto ao pelotón sub 23 tras completar a súa etapa júnior no Padronés Cortizo como un dos corredores máis destacados da categoría. A pasada campaña, finalizou terceiro na clasificación da Copa de España xuvenil e revalidou o seu título de campión autonómico de contrarreloxo, protagonizando ademais importantes actuacións nas probas máis destacadas do calendario júnior.
Na Volta a Estremadura impúxose na xeral, gañou a primeira etapa e foi terceiro na segundo. Na Challenge de Carballo sumou un triunfo parcial e un terceiro posto, logrando a súa sexta vitoria no Cidade da Coruña. Entre os seus podios, tamén destacan o Circuíto do Guadiana, o trofeo Concello de Guijuelo, o Memorial Chely Álvarez, a última tirada da Volta á Montaña Central, o GP Cidade de Vigo e os trofeos do Rosal e Blanco Villar.
«Estou moi feliz por seguir na casa e con ganas de empezar, demostrar, axudar aos meus compañeiros. Quero madurar como ciclista no equipo. Durante estes días puiden ter a primeira toma de contacto, probando as bicicletas e coñecendo ao staff e parte do persoal. Para este ano non me marco metas concretas. Será o meu debut como sub 23 e ireime probando para ver como me desenvolvo nas primeiras carreiras. Tratarei de aprender, seguindo os consellos dos directores e do resto de compañeiros que, coa súa experiencia, son quen máis me poden ensinar», explica Tomás Pombo.
O de Carballo non esconde a súa preferencia pola montaña: «Adáptome moi ben en terreos duros. Os percorridos rompepiernas e as subidas son o meu punto forte. Considero que teño unha boa chegada en esprints reducidos e finais no alto. Ademais, creo que me adaptou moi ben á hora de resolver situacións complicadas nas que estou en desvantaxe».
Coa incorporación de Tomás Pombo, Marcos Serrano conta con 13 corredores. Héctor Cela, Adam Strejcek, Jordi Artigues e Ibán Gutiérrez son os outros fichaxes dun equipo no que continúan oito ciclistas da pasada tempada (Martín Rey, Marc Torres, Fran Bennàssar, Pablo Bonilla, Samuel Flórez, Luis López, Óscar García e Maksym Bilyi).