O ano pasado representou o 29% das máis de 44.000 persoas que atendeu a Oficina de Turismo do Concello
23 ene 2025 . Actualizado á 18:07 h.O Concello de Padrón terá unha participación destacada na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid desde mércores e ata o domingo. A delegación padronesa, que estará encabezada polo alcalde Anxo Arca e pola concelleira de Turismo, Chus Campos, ademais do técnico municipal Alberto Rey, presentará novas iniciativas para consolidar o municipio como un dos principais destinos turísticos de Galicia.
Así, entre os obxectivos da presenza de Padrón na feira destacan afianzar os bos resultados acadados o ano pasado e seguir posicionando o municipio como referente en tradición, gastronomía e cultura, fomentando ao mesmo tempo un turismo sostible e de calidade, segundo relatan fontes do Concello. Padrón estará representado na entrada do pavillón, onde está instalado a caseta de Galicia, cun tótem a catro caras que destacará os elementos máis significativos do municipio. Ademais, terá visibilidade na caseta de Q de Calidade e S de Sustentabilidade, certificacións obtidas pola Oficina de Información Turística en 2024 e que serán recollidas na gala organizada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
A presenza de Padrón en Fitur coincide coa presentación do último balance de datos turísticos do municipio, unhas cifras que, segundo o Concello, confirman o seu papel protagonista no panorama galego, con máis de 44.000 visitantes atendidos pola Oficina de Turismo ao longo de 2024. Este aumento sitúa ao municipio nunha senda de crecemento sostido, impulsado polo Camiño de Santiago e unha oferta cultural, gastronómica e natural cada vez máis diversa, engaden fontes municipais.
De acordo co balance do Concello, o turismo internacional destacou en 2024, acadando o 29% do total de visitantes, cun incremento do 3% respecto a 2023. Así, visitantes de países como Portugal, Estados Unidos e Italia lideran unha lista que, para o Concello, reflicte a proxección global de Padrón.
Ademais, para o Concello a tradición xacobea é o grande atractivo turístico do municipio. Así, o 45% das visitas rexistradas foron de peregrinos, aos que lles expediron 16.068 diplomas da Pedronía e 312 diplomas da Traslatio, que certifican a súa conexión co Camiño de Santiago. De acordo con fontes municipais, estes datos confirman o impacto das iniciativas locais que destacan a relevancia histórica e espiritual de Padrón como berce o Camiño.
En canto ao Camino, segundo a Oficina do Peregrino, o ano pasado percorreron o tramo Portugués 88.730 peregrinos e 52.754 o trazado portugués pola costa, o que supón que todos eles pasaron por Padrón.
Por outra banda, un ano máis os meses de verán volveron concentrar o maior volume de visitantes, sendo agosto o mes que máis, con case o 20% das visitas anuais. Pola contra, a pesar de que o inverno segue sendo unha época de baixa afluencia, o Concello constatou unha mellora con respecto a anos anteriores, «o que evidencia o potencial de atracción en tempada baixa», aseguran fontes municipais.
En 2024, máis de 2.200 persoas participaron en visitas guiadas ao centro histórico, ao Xardín Botánico Artístico e en actividades teatralizadas, de acordo co balance do Concello. Ademais, a igrexa parroquial de Santiago, onde está o emblemático Pedrón, recibiu preto de 80.000 visitantes, consolidándose como un dos principais puntos de interese turístico de Padrón.
O impacto dixital tamén foi relevante, de acordo co Concello. Así, o perfil de Facebook de Turismo de Padrón continúa liderando a comunicación en redes sociais, con máis de 9.200 seguidores, mentres que Instagram superou os 3.100, «consolidándose como unha plataforma clave para a promoción do destino», sinalan fontes municipais. Paralelamente, o Concello entregou máis de 15.000 planos turísticos a establecementos locais, reforzando a atención directa aos visitantes, segundo explica.
Por todo iso, o goberno local considera que os datos de 2024 evidencian que «Padrón non só é unha parada imprescindible no Camiño, senón tamén un destino que conxuga historia, natureza e innovación turística para ofrecer experiencias únicas a visitantes de todo o mundo».