Máis de 75 traballadores do Concello de Padrón presentaron reclamación laboral desde o 2010

La Voz PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

Moncho Fuentes

Máis de 30 das queixas están pendentes de resolución

12 dic 2018 . Actualizado ás 07:57 h.

O Concello de Padrón ten 115 traballadores, segundo o último dato facilitado aos grupos da oposición na comisión solicitada por estes para ter información sobre o persoal do Concello, así como sobre a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), activada no principio do ano. A cifra de traballadores corresponde a 15 de xullo deste ano e deles 28 son funcionarios, e 87, persoal laboral, de acordo cos datos feitos públicos polo portavoz do grupo socialista, Camilo Forján.

Do total, 76 presentaron reclamacións laborais desde o ano 2010, catro deles nese ano. Máis de 30 están pendentes de resolución. Entre as presentadas están as dos catro traballadores do departamento de Urbanismo e Rehabilitación, que teñen o contrato vencido. No seu caso e no doutros servizos, Intervención do Concello emite reparos suspensivos por ter contratos vencidos e sen posibilidade de prórroga, sen contar que as funcións exercidas polos catro traballadores de Urbanismo «implican exercicio de autoridade, co cal deberían ser exercidas por un funcionario público», de acordo cos informes de Intervención.

A este respecto, o grupo de de Veciños Padrón leva a todos os plenos un rogo para que o Concello proceda a sacar a concurso as prazas que deben ser ocupadas por funcionarios, como é o caso das do departamento de Urbanismo e Rehabilitación, para «así corrixir a situación de ilegalidade que se está a producir», sinala.

En canto á RPT, segundo explica o PSOE, «vai con bastante retraso respecto aos prazos que se marcan no contrato», polo que este ano non será efectiva.