Oroso concentra máis de 1.000 hectáreas e reduce as parcelas

f. simonelli / J. C. SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

David Cabezón @ Xunta

O presidente da Xunta entregou os títulos aos veciños

24 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

En catro das parroquias do Concello de Oroso levouse a cabo unha concentración parcelaria de 1.374 hectáreas que eran propiedade de 899 titulares. A actuación, nas zonas dos Ánxeles, Calvente, Pasarelos e Marzoa, permitiu pasar de 7.175 parcelas, de 1.900 metros cadrados de media, a un total de 1.486 predios, de 9.246 metros cadrados. Esta reordenación multiplicou por cinco a dimensión media das leiras resultantes e, ademais, reduciu o seu número nun 80%, tal como anunciou o presidente da Xunta , que entregou os novos títulos aos seus propietarios. A intervención en Oroso supuxo un investimento de 2,3 millóns de euros, e enmárcase dentro dun proceso de concentración co obxectivo de favorecer a rendibilidade das explotacións agrogandeiras. Así, desde o 2020 o Goberno galego finalizou 34 reestruturacións, que beneficiaron a 18.000 propietarios A Xunta decretou outras 29 desde 2021, que afectan a preto de 25.000 hectáreas e a 16.000 titulares.

A través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia o Goberno autonómico busca seguir ampliando os instrumentos de mobilización de terra. Atendendo a este fin, a normativa contempla ferramentas como os polígonos agroforestais. Nesta mesma liña, a Xunta convocou unha nova liña de axudas cun presuposto total de 100.000 euros para o bienio 2025-2026. Este investimento busca financiar os gastos de asesoramento técnico, acondicionamento de terreos e outros tramites administrativos que implican estas accións.