María da Ghrela, a cantareira con afouteza de Marzoa, en Oroso

La Voz SANTIAGO

OROSO

MANUEL PAZOS

Manuel Pazos recolle a súa traxectoria nunha publicación que distribúe de balde pola zona o Obradoiro da Historia

16 may 2025 . Actualizado a las 19:02 h.

No seu DNI aparecía como María Milagros García Mosquera. Pero para os que a coñeceron nas foliadas de Marzoa (Oroso) polas festas do San Xoán ou polos magostos, era María da Ghrela, «a cantareira con afouteza». Así é como a define Manuel Pazos nunha interesante publicación que distribúe de balde pola zona o Obradoiro da Historia, e que recolle a biografía desde muller nada en Budiño (O Pino) en 1932, e que se instalou tralo seu casamento en 1965 na aldea da Grela, en Marzoa, ata o seu pasamento no 2015.

Ela, que repetía a miúdo que «ninguén sabía cantar como antes» e que todo se perdía, segue na memoria da parroquia, formando parte desas cantareiras ás que se homenaxea neste Día das Letras Galegas, e grazas ao traballo de estudosos como Manuel Pazos que fan que a tradición siga viva. El mesmo explica que «con esta publicación tentamos rescatar a esta muller tan importante da cultura inmaterial da nosa comarca e que non caia no esquecemento. Fornecer de materiais didácticos ao profesorado e alumnado dos centros educativos da comarca. María é testumuña dun tempo que non existe, porque ese contexto agrario, de relación veciñais, de traballos comunais... de lecer, música e diversión, desapareceron»