O BNG de Ordes insta o remate de concentracións parcelarias iniciadas hai 34 anos

ou. p. SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

O alcalde explica que a nova lexislación estatal obrigou á revisión cartográfica e documental das zonas

05 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O BNG de Ordes aproveitou o pleno da pasada semana para instar o alcalde, Martínez Sanjurjo, a demandar á Consellería do Medio Rural «que leve a cabo de maneira urxente os trámites que faltan para o remate das concentracións parcelarias pendentes de Ordes», e tamén que actúe para coordinar co Catastro as parcelas resultantes dos procesos de concentración de Mercurín-Lesta II e Parada II.

O portavoz nacionalista, Pablo Vidal, sinalou que esas dúas parcelarias e as de San Paio de Buscás II e Vilamaior-Barbeiros II son procesos aínda pendentes «cuxa duración supera xa os 34 anos». Lembra que desde o Bloque se presentaron ao longo destes anos diversas iniciativas preocupándose pola situación desas concentracións, asegurando que desde o PP recibiron escusas que, tras tanto tempo, «carecen totalmente de fundamento, acollida e comprensión por parte da veciñanza». Vidal comparou esta situación que se vive en Ordes coa recente entrega de títulos no veciño municipio de Oroso, na parcelaria dos Ánxeles-Calvente-Pasarelos-Marzoa II.

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, explicou que a tardanza a día de hoxe débese a cuestións relacionadas coa fase de validación gráfica derivada da entrada en vigor dunha lei estatal, que obrigou á revisión cartográfica e documental desas zonas.

Causas do atraso

A modo de exemplo, citou o ocorrido en Vilamaior-Barbeiros, que tiña acta notarial xa en xaneiro do 2022. E engadiu que o atraso se viu agravado pola nova delimitación que propón Audasa no referente á autoestrada AP-9. O rexedor confía en que para maio do 2027 algunhas destas zonas estean por fin entregadas.