«Xuntos rompendo barreiras» supera os 200 socios e esixe cumprir a lei de accesibilidade

ou. p. SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

O presidente do colectivo, José Astray, reuniuse con alcaldes da comarca de Ordes para solicitar a súa colaboración

13 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Xuntos rompendo barreiras, a asociación con sede en Ordes que loita polos dereitos das persoas con discapacidade, con enfermidades crónicas, maiores e as persoas máis vulnerables, intensifica a súa actividade tras completar a súa inscrición no rexistro de asociacións da Xunta, Axencia Española de Protección de Datos e Concello de Ordes. O colectivo que preside José Astray, sen ánimo de lucro e de ámbito comarcal, vela por unha poboación duns 35.000 habitantes e supera xa os 200 socios, sinalan desde a entidade.

Astray explica que se entrevistou cos alcaldes dos sete municipios da comarca para presentar o colectivo, solicitar a súa colaboración e facer unha primeira análise de accesibilidade e normativas en casas dos concellos e rúas. Atoparon receptividade nos concellos, algo que ve lóxico: «Nunha comarca envellecida como a nosa é raro a familia na que non haxa un membro sen unha discapacidade, ou con moita idade, que tamén precisa unha boa accesibilidade a lugares de actividade ou para saír da casa dar un paseo». Tamén se reuniu cos xefes de Policía Local da comarca, cos responsables dos cuarteis da Garda Civil Ordes e Sigüeiro, e acordouse unha colaboración mutua con Cruz Roja.

Astray confía en que «as boas palabras se convertan en feitos». Porque advertiu bastantes deficiencias en edificios consistoriais e rúas, con múltiples incumprimentos da lei de accesibilidade. Nos primeiros, hai desde corredores estreitos á falta de baños adaptados, e incluso ningún sen ascensor; nas rúas, destacan os pasos de peóns sen ramplas ou cunhas que non cumpre a normativa. O colectivo insta a cumprir coa Lei de Accesibilidade Universal do 2023, e o Real Decreto 1056/2014 do 12 de decembro. Neste último apartado, só o Concello de Ordes ten a ordenanza que esixe o seu artigo 5, aínda que considera Xuntos rompendo barreiras que está incompleta, xa que en lugar de recoller todas as parroquias con locais de actividade pública limítase o núcleo urbano de Ordes e a Mesón do Vento. A asociación insta ademais a cumprir coa coñecida como lei ELA, que axilice a atención a persoas con discapacidade.

Conclúen que o incumprimento destas normativas provoca que as persoas con discapacidade, e en especial as que teñen mobilidade reducida, non poidan ter os mesmos dereitos que o resto da poboación, por non estar en igualdade de condicións, e iso vai en contra da Constitución: «Por iso insistimos en que os concellos deben empezar canto antes a traballar nese sentido», expoñen.