Encargan o proxecto para unha senda na AC-542 en Mesón do Vento, en Ordes

La Voz SANTIAGO

ORDES

É un tramo de 1,8 quilómetros, que dará continuidade ao xa executado desde As Travesas, no límite con Carral

14 ene 2024 . Actualizado ás 05:05 h.

A Xunta acaba de encargar a redacción do proxecto para habilitar unha nova senda na estrada AC-542, na zona de Mesón do Vento. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse onte co alcalde de Ordes , José Luis Martínez Sanjurjo, concelleiros do goberno local e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, para abordar sobre o terreo esta actuación, cuxo orzamento pode situarse ao redor dos 450.000 euros.

Trátase dun trazado de 1,8 quilómetros, entre os puntos 19,6 e 21,38 do viario autonómico cara a Betanzos , un itinerario que dará continuidade ao xa executado no límite municipal entre Carral e Ordes, desde As Travesas ata o punto onde se desvía o camiño local que leva a Hospital (Mesía), onde hai un albergue; un tramo de senda coincide co Camiño Inglés, con moito tránsito de peregrinos.