Ordes destina dous millóns de remanente a obras e a financiar axudas a empresas e hostalería

E. Araújo SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

Sandra Alonso

A proposta foi aprobada no pleno ordinario de abril

01 may 2021 . Actualizado ás 22:02 h.

O Concello de Ordes, que nestes momentos dispón dun remanente positivo de tesourería de 3,6 millóns de euros, decidiu destinar 2.018.467 euross ao financiamento de distintos proxectos de infraestruturas básicas, que se suman ás axudas complementarias para apoiar a pequenas empresas (110.000 euros) e ao sector da hostalería (90.000 euros).

Os investimentos previstos dedicaranse a mellorar distintos camiños, como a vía entre a N-550 ata Porto (Ardemil), e a obras nas parroquias de Lesta e Mercurín por un importe de 389.635 euros. A listaxe de intervencións tamén inclúe proxectos de humanización das rúas Casavella e Camposanto e unha senda en Guindiboo (374.256 euros). Ademais engádense o saneamento a Castiñeira e o abastecemento de Raxide e Darefe, entre outros lugares, que suporán un investimento de 364.592 euros.

Outra intervención con cargo a este remanente será a dotación de beirarrúas en Mámoas, co afirmado viario en varios núcleos (315.974 euros). Tamén se intervirá no cemiterio do Balado (233.945 euros) e executaranse varias obras catalogadas como menores nas parroquias de Beán, Lesta e Leira.