Reforzan a liña de bus do Pino a Santiago pola maior demanda á primeira hora

La Voz ARZÚA / LA VOZ

O PINO

PACO RODRÍGUEZ

A Xunta resolveu, tras realizar un seguimento da situación e unha inspección, que a insuficiencia de prazas é «moi puntual», e derivada dunha «afluencia excepcional»

22 may 2025 . Actualizado á 05:05 h.

A Xunta reforzou cun autobús de máis de 70 prazas a liña de transporte público do Pino a Santiago con parada prevista no municipio metropolitano ás oito e vinte da mañá ante un incremento da demanda, asociado á maior afluencia de peregrinos. A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, comunicoullo por escrito ao alcalde do Pino, Manuel Taboada, que solicitara un reforzo da liña, ao advertir que os usuarios de primeira hora, sobre todo estudantes, quedaban, en ocasións, sen servizo, por falta de prazas no autobús. Tras requirir un informe á empresa concesionaria, realizar un seguimento da situación, e unha inspección, na Xunta conclúen que a insuficiencia de prazas é «moi puntual», e derivada dunha «afluencia excepcional», polo que a demanda ordinaria axústase ao bus de ata 59 prazas que se utiliza a maior parte do ano.